O CONCELLO INCREMENTA ESTE ANO A SÚA ACHEGA PARA AS FESTASDE SAN PAIO, QUE PRESENTAN OFICIALMENTE A SÚA COMISIÓN

 A administración eleva a 60.000 euros a súa axuda para a organización
das patronais, partida que se engade á nova liña de 100.000 euros para
colaborar coas comisión de festas das restantes parroquias do rural.
 A equipa que preside Manuel Torrado Gañete traballa no cartel para
cinco días de festa, dende o 25 ao 29 de xuño.
 Buscarán que a música e o ambiente festivo cheguen a cada recuncho
da vila, apostando por descentralizar as sesións vermú.
 A comisión inicia a distribución de rifas para o sorteo dunha viaxe para
dúas persoas a Punta Cana, cuxo gañador se coñecerá ao peche das
festas.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, arroupou
onte aos integrantes da comisión de festas encargada de organizar as patronais de San
Paio da Estrada na que foi a súa presentación oficial. A equipa que encabeza Manuel
Torrado Gañete continúa traballando na organización dun programa que xa se atopa
moi avanzado pero do que aínda non queren desvelar sorpresas. As festas serán do 25
ao 29 de xuño, sendo festivos locais o xoves 26 e venres 27. A comisión prepara o cartel
coa filosofía de que a música e o ambiente cheguen a longo deses cinco días a cada
recuncho da capital municipal.
O dirixente estradense sumouse a última hora deste venres á foto de familia que fixeron
os integrantes da comisión. Está conformada por Manuel Torrado Gañete, Carlos Gómez
“Cepas”, Juan Mariño, Belén Sanmartín, Ramiro Meilán, Manuel Bouzón, Francisco
Picón, Nemesio Rey, Miguel Agrelo e Charo Sánchez.
Louzao aproveitou a ocasión para testemuñar o seu apoio “a un grupo de veciños que
están e estarán empregando o seu tempo nunha responsabilidade complexa para

configurar un programa o máis ambicioso posible para que estes cinco días de festa
sexan todo un éxito”.
O alcalde lembrou que ten experiencia nesta materia, xa que recaeu sobre el mesmo a
organización das festas patronais de San Paio durante sete anos. “Sei de primeira man o
traballo e a complexidade que supoñen e entendo que van dedicar moito esforzo e
traballo para que, neses días, A Estrada sexa un referente na escena cultural e musical”,
sinalou o mandatario.
Despois de agradecer publicamente a implicación dos integrantes da comisión, Gonzalo
Louzao informou de que este ano a achega económica do Concello á organización do San
Paio ascenderá a 60.000 euros, fronte aos 50.000 que viñan reservándose no orzamento
municipal. A esta cantidade sumaranse os 100.000 euros que a administración municipal
reserva tamén este ano nunha nova liña de axudas ás comisións de festas das
parroquias, con ata 3.000 euros por solicitante.
Ademais de presentarse formalmente, a comisión de festas aproveitou a ocasión para
informar de que poñen á venda as rifas para o sorteo dunha viaxe para dúas persoas a
Punta Cana. Os gañadores coñeceranse na fin de festa, o 29 xuño. O prezo dos boletos,
que se distribuirán a través dos propios integrantes da comisión e que se farán chegar
tamén aos establecementos que colaboren co libro promocional do San Paio, será de
dous euros. A viaxe está contratada en tempada alta, concretamente no mes de agosto,
se ben queda aberta a posibilidade de que a persoa agraciada modifique as datas se non
pode viaxar no momento para o que se efectuou a reserva.
Por outra banda, a comisión tamén quixo presentar neste encontro co alcalde o
etiquetado asignado a unhas botellas de viño identificadas coa imaxe que se conferirá ás
festas de San Paio 2025.
“Tentaremos facer unhas festas para todos os públicos, con actividades musicais de todo
tipo. Ao igual que en 2024, continuaremos con sesións vermú en distintas partes da
Estrada, para que non todas as actuacións sexan no centro”, apuntaron os integrantes
da comisión. “Queremos que o ambiente festivo se note en toda a vila e que haxa música
dende a mañá á noite”, incidiron

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.