A intención é que todos os traballos queden rematados en maio, para a
Festa do Salmón.
A alameda municipal da Estrada recibiu a primeira hora
desta mañá aos traballadores da firma Geseco, a quen o Concello adxudicou a limpeza
en profundidade dunha batería de prazas e rúas do casco urbano estradense, buscando
procurarlles un mantemento óptimo e mellorando a estética dunha vila que se busca
cada vez máis aberta ao goce e esparexemento dos cidadáns. A intención é que os
traballos poidan quedar concluídos para a celebración, no mes de maio, da Festa do
Salmón.
A actuación levarase a cabo estes días na zona pavimentada en formigón da alameda
municipal, unha ampla superficie que require o uso de maquinaria especializada para
retirar as adherencias, que son máis acusadas nas zonas de sombra.
Seguidamente, tamén se fará extensiva esta mellora á ampla Praza da Constitución, coa
mesma pavimentación que as prazas e paseos interiores dos xardíns municipais. De igual
xeito, a limpeza terá que chegar ás rúas San Antón, Serafín Pazo, Calvo Sotelo, Travesía
de Vea, Travesía da Igrexa, Cruceiro (Zona dos Viños), Peregrina, Pérez Viondi (no tramo
comprendido entre a Praza de Galicia e Avenida Benito Vigo), Don Nicolás, Iryda e Praza
do Mercado.







































