As obras arrancarán despois das festas de San Paio, con un prazo de
execución de seis meses e un orzamento de licitación de 1.152.897 euros.
O Concello vén de recibir o único informe sectorial que requiriu o
proxecto pola afección da PO-841 na Rúa San Paio e tivo un carácter
favorable.
A Xunta de Goberno Local de A Estrada vén de aprobar, na
sesión celebrada este mediodía, a formalización do convenio coa Deputación de
Pontevedra para executar a humanización da Praza de Galicia, despois de que este
proxecto transformador do epicentro urbano estradense acadara a puntuación más
elevada entre todas as iniciativas que se presentaron para obter financiamento ao
abeiro do Plan Provincia Extraordinaria, o coñecido como Plan Extra da institución
provincial. Deste xeito, o executivo que encabeza Gonzalo Louzao Dono ten xa todo
preparado para lanzar a licitación dunha obra que porá o broche a toda a transformación
e peonalización da arteria máis céntrica, comercial e de servizos da capital municipal.
Para poder lanzar a licitación era preciso que o Concello recibira o único informe
sectorial que se require nesta obra: o da Xunta de Galicia, en calidade de titular da
PO-841, que arranca dende a Praza de Galicia a través da infraestrutura que no rueiro
municipal corresponde coa Rúa San Paio. Dito informe xa obra en posesión da
administración municipal, con carácter favorable, de xeito que, una vez rubricado o
convenio acordado hoxe, xa sería posible emprender a licitación.
O plan para a reforma do entorno desta praza, que inclúe gañar para o peón un amplo e
céntrico espazo como guinda aos anteriores procesos nas rúas Ulla e Calvo Sotelo,
suporá que, dos 1.152.897 euros de orzamento da obra, a Deputación achegue
807.028,27 euros, correspondendo ao Concello da Estrada sumar outros 345.869. O
prazo de execución que levará parella a contratación ascende a seis meses.
As previsións do goberno pasan por que as obras poidan comezar nos meses de verán, co
desexo expreso do executivo de que estas intervencións nun espazo tan céntrico non
supoñan ningún atranco ni afección para o normal desenvolvemento das festas
patronais de San Paio. Se as obras comezasen ao remate das celebracións, todo fai
prever que nos últimos días no ano ou no arranque de 2026 a Praza de Galicia poida
quedar completamente transformada.
A humanización da Praza de Galicia afronta a peonalización dun dos enclaves máis
emblemáticos da Estrada, alí onde se cruzan os camiños que no seu día foron xénese
para o desenvolvemento urbanístico da vila. O goberno que encabeza Louzao someteu a
consulta cidadá o emprazamento do farol ornamental que bautiza, de xeito oficioso,
esta praza. Recollendo o sentir dos estradenses, o proxecto executarase conservando o
elemento, aínda que aproximándoo ao punto onde arrancará todo un longo paseo
peonil que, xa coa Praza de Galicia pechada ao tráfico, continuará por Calvo Sotelo e Ulla
ata chegar á Porta do Sol.
A obra suporá gañar para o peón unha céntrica superficie urbana duns 4.000 metros
cadrados. Coma se vén perfilando meses atrás, a actuación non queda só na Praza de
Galicia, senón que se expande cara os entronques coa malla urbana na que se asenta,
chegando así á praza onde conflúen as rúas 56 e San Paio -onde agora se localiza a
escultura da Rapa das Bestas-, á Rúa Marqués de la Vega de Armijo, Pérez Viondi ou Don
Nicolás.




































