LOUZAO COÑECE E AXUDA A DIFUNDIR O SERVIZO DO POLO DEEMPRENDEMENTO DE SILLEDA, AO QUE SE VENCELLA A ESTRADA

 O que foi o segundo punto pontevedrés desta rede autonómica cubre as
comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes e os concellos de CerdedoCotobade, Cuntis e Caldas de Reis.
 Acompaña a unha media de 100 emprendedores ao ano, con 315
atendidos dende a súa posta en funcionamento.
 No acto participaron dous exemplos de emprendemento estradense:
Chorima, de cosmética atlántica, e Abundanthia, de educación
financeira.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, desprazouse
esta mañá ata o veciño municipio de Silleda para coñecer de preto o funcionamento e o
día a día no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego ao que se vencella o Concello
estradense e no que os cidadáns deste municipio, que están pensando en emprender ou
teñen un negocio en marcha con novos retos por diante, poden atopar axuda e
asesoramento.
Louzao percorreu as instalacións e mantivo unha reunión cos profesionais que traballan
neste Polo da rede autonómica, cunha carta de presentación que define ben a súa
filosofía: “unha rede na que sempre estarás acompañado”. A este encontro sumáronse
dous emprendedores estradenses, que participaron ao rexedor local como foi e está
sendo a súa experiencia. Trátase de Lucía López, de firma Abundanthia, e Miguel de la
Calle, fundador da empresa Chorima, especializada en cosmética atlántica.
Os profesionais do servizo explicaron ao alcalde que o Polo de Silleda cubre a zona de
Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Cerdedo-Cotobade, Cuntis e Caldas, cunha atención
media dun cento de novos emprendedores cada ano e con 315 atendidos dende a súa
posta en funcionamento no municipio silledense. Sinalaron que se puxo o acento en
pasar da axuda ao acompañamento. A súa metodoloxía de traballo adáptase a cada
proxecto, guiando aos seus impulsores por catro etapas: emerxer, explorar, executar e
expandir.

Louzao Dono incidiu en que tiña especial interese en coñecer como funciona este
servizo, na medida en que é un bo referente para os emprendedores estradenses que
-coida- ten que converterse nun recurso moito máis coñecido. “Con esta visita quería
coñecelo en primeira persoa e intentar difundir que temos para a nosa zona este Polo de
Emprendemento en Silleda, dentro dos tres que ten a Xunta en Pontevedra”, sinalou o
alcalde.
Exemplos locais
O alcalde da Estrada amosouse moi satisfeito ao comprobar o bo funcionamento deste
servizo -cada proxecto ten un titor que acompaña por todo o itinerario do
emprendemento- en dous exemplos da Estrada. Miguel de la Calle apostou en Chorima,
co centro de operacións nunha antiga adega da parroquia de San Xurxo de Vea, por
lanzar unha cosmética natural con acento galego e nomeadamente estradense. A base
da primeira liña de produtos que lanzou ao mercado -crema facial, crema de mans,
crema corporal e limpador facial- é o mel, cera e propóleo procedentes de apicultores da
Estrada; o elixir de catro algas atlánticas e extractos de albariño. Chorima fai distribución
a través de internet e ten xa á venta os seus produtos en catro establecementos do
municipio estradense, entrando no canal de farmacia.
Pola súa banda, Abundanthia ten como fundadora a unha emprendedora estradense
que, tras traballar dende os 18 anos no mundo das asesorías, se formou como
educadora financeira, un ámbito no que Lucía López vén traballando dende 2020,
achegando este asesoramento tan necesario ás economías particulares e chegando a
impartir formación neste eido en varios colexios.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.