A ESTRADA SÚMASE AO ORBALLO CULTURAL CO CONCERTO DEXABIER DÍAZ E SU GARRIDO POMBO O 31 DE MAIO, CON ENTRADAGRATUÍTA

O ciclo de concertos Orballo Cultural vén de presentar a
súa edición 2025, que se celebrará entre os meses de maio a setembro. O director de
Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación desta proposta
cultural enmarcada nos Concertos do Xacobeo, un acto ao que tamén asistiu o alcalde da
Estrada, Gonzalo Louzao. Este ciclo propón levar ata distintas localidades da xeografía
galega a artistas da escena musical galega. Entre os nomes xa confirmados están Xabier
Díaz & Adufeiras de Salitre e Su Garrido Pombo, que actuarán na Praza da Constitución
da Estrada o vindeiro 31 de maio. O concerto está programado baixo a carpa instalada
neste espazo urbano e terá entrada gratuíta.
Deste xeito, A Estrada súmase a nómina de concellos do programa, xunto aos de
Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia lembrou como o ciclo “é
unha mostra máis da aposta estratéxica da Xunta pola programación de eventos
musicais singulares que poñen en valor o territorio, a paisaxe, o patrimonio, a música e a
cultura galegas”.
Salientou o feito de que a iniciativa estea aberta a públicos de todas as idades, coa parte
que ten de poñer en valor a cultura galega. “Máis ca un festival, é un encontro cultural
deseñado para conectar os asistentes coas tradicións galegas a través da música en
directo, a gastronomía autóctona e a artesanía local, filosofía que se engloba á
perfección na liña de actuación dos Concertos do Xacobeo”. Merelles tamén incidiu no
potencial da proposta como “motor de dinamización cultural para os concellos de toda
Galicia”.
O ciclo Orballo Cultural busca unir a variada oferta musical de Galicia co patrimonio
cultural e natural de distintas localidades, de tal modo que se pon en valor a rica
variedade de opcións turísticas da comunidade. Ademais, integra a gastronomía e a
artesanía como valores engadidos, nunha proposta que quere apostar pola sostibilidade
e a igualdade, en liña co traballo da Axencia. Todos os eventos terán carácter gratuíto.
No caso do concerto programado na Estrada, está programado o inicio do espectáculo
para as 20.00 horas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.