160 persoas percorrerán o próximo sábado 24 de maio as plantacións de Pardemarín,
Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta
das Maceiras nunha actividade que impulsa o turismo no interior da provincia
A Deputación de Pontevedra esgotou en cuestión de horas as 160
prazas dispoñibles para participar nas Rutas das Maceiras en Flor que terán lugar o próximo sábado 24 de
maio na Estrada. Tras abrir onte mércores o prazo de solicitude, durante a mañá completáronse os catro
percorridos que discorrerán polas plantacións de Pardemarín, Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as
sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta das Maceiras, que ademais contan con lista de agarda ao
superar o número de solicitudes ao de persoas interesadas. Cada unha delas terá 40 participantes, que
poderán desprazarse desde a capela de San Roque en Pontevedra a través dun servizo de autocar.
As Rutas das Maceiras en Flor englóbanse no marco da campaña Cando volves?, lanzada pola Deputación
para promocionar a provincia neste 2025 facendo fincapé no seu interior, e permitirán achegarse á Estrada
e coñecer a vila no momento da floración das maceiras. A institución busca deste xeito contribuír a
fortalecer a imaxe do destino Rías Baixas, diversificar a oferta e garantir un desenvolvemento equilibrado e
sostible do turismo como piar para protexer e dar valor á provincia de Pontevedra.
Os percorridos distribuiranse ao longo de todo o día, con dous pola mañá (a Ruta Rabiosa, cara á plantación
de Pardemarín e a Sidrería Rabiosa, e a Ruta Peroja, que se encamiñará á plantación de Agar e a Sidrería
Peroja), de 10:00 a 14:45 horas, e outros dous en horario de tarde (a Ruta Quinta das Maceiras, na
plantación de San Miguel de Castro e a Quinta das Maceiras, e a Ruta Camino, na plantación de Moreira e á
Sidrería Camino) con horario de 16:00 ás 20:45 horas. Todas elas inclúen unha cata degustación.







































