Incorporados os impostos, o montante polo alugueiro chega aos 17.908
euros, investimento que o rexedor estima eficiente ao no ter que
contratar a montaxe dunha nova carpa para a Feira da Sidra.
Coida que o PSOE buscou “enlamar” a antesala da festa.
– “A min o único que me interesa é que os cidadáns gocen
da Festa do Salmón, da programación que temos deseñada, e que sexa unha fin de
semana por todo o alto na que a hostalería vexa repercutido o seu bo facer nesta cita
importante”, comenzou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono. Foi despois cando o
mandatario recoñeceu a súa “sorpresa” perante as críticas vertidas polo PSOE
estradense, “enlamando a aposta importante que fai o Concello por unha das bandeiras
locais como é a Festa do Salmón con afirmacións tan irrisorias como que a carpa que se
instalou na Praza da Constitución costa 100.000 euros, cando está publicado o contrato
e son 14.800 euros, máis o IVE correspondente, para un mes de programación cultural”.
A carpa quedará instalada na Praza da Constitución ata despois da Feira da Sidra,
programada para o 7 de xuño. O rexedor incidiu no carácter eficiente do investimento,
que evita a contratación dunha nova montaxe de carpa para o evento sidreiro.
A horas xa de que arranque a festa gastronómica por excelencia da Estrada, o rexedor
sinalou que non ten intención de empanar nin causar prexuízo a un certame pensado
para que a cidadanía o desfrute, limitándose unicamente a aportar o dato que figura na
contratación da carpa e a sinalar que o goberno que encabeza se decantou por buscar
contido cultural para facer desta carpa “un investimento, non un gasto”, converténdoa
en catalizador cultural entre a Festa do Salmón e a Feira da Sidra.
“Despois de instalala, facemos dela un espazo para sacar a programación cultural á rúa,
pensando no público de todas as idades. Moita programación na que nos apoian moitas
administracións e que agardamos que teña resultados favorables”, sinalou o alcalde,
para seguidamente engadir: “é unha carpa que tiñamos que montar para as diferentes
festas, tendo en conta a nosa climatoloxía, e deste xeito aínda aforramos recursos”.
“Parece que o que lle interesa a este partido é que lle vaia mal á Estrada. Criticando a
festa non está criticando ao alcalde, senón prexudicando a imaxe da Estrada. Nós o que
queremos dende o Concello é que sexa un éxito para que a gastronomía, a sociedade a
cultura estradense sexa un referente”, concluíu.







































