O CAMPUS DEPORTIVO DE VERÁN REGRESA EN XULLO E AGOSTOPARA FAVORECER A CONCILIACIÓN ÁS FAMILIAS DA ESTRADA

 O Concello abrirá o prazo de inscrición o vindeiro luns, 26 de maio,
pechándoo o 8 de xuño.
 A actividade ofértase en catro quendas para nenos de entre 5 e 15 anos.
 A inscrición farase pola sede electrónica do Concello da Estrada e o
prezo será de 40 euros por participante e quincena, con bonificacións
para familias numerosas e monoparentais.

O edil estradense de Deportes, Ismael Pena, presentou
este mediodía unha nova edición do Campus Deportivo de Verán, unha das iniciativas de
conciliación da vida familiar e laboral máis apreciadas cada ano polas familias da Estrada
durante a tempada estival. O Concello abre o luns 26 de maio o prazo de inscrición, que
rematará o domingo 8 de xuño.
A actividade está dirixida para nenos e nenas dende os 5 anos ata os 15 anos (nos dous
casos cumpridos a día 1 de xullo de 2025). Coma cada ano, desenvolverase nas
diferentes instalacións da Zona Deportiva municipal, en horario de 08.30 a 14.30 horas.
Pena lembrou que todas as actividades deseñadas para o Campus Deportivo están
especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico dos participantes e
todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo,
perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas en base ás idades e
características individuais dos inscritos.
O programa desenvolverase nos meses de xullo e agosto. O prezo da inscrición neste XVI
Campus Deportivo de Verán será de 40 euros por participante e quincena. Os asistentes
poderán solicitar as quendas ou quincenas que consideren oportunas, ata un máximo de
catro. Poderán entrar nas quendas non preferenciais sempre e cando existan prazas
vacantes. Ademais, existen bonificacións para as familias numerosas e as
monoparentais, nos dous casos cun desconto do 20% sobre o prezo xeral (serán 32
euros).

Os horarios e a programación das actividades de cada quenda faranse en función das
idades dos nenos, polo que non todos os participantes do Campus Deportivo farán as
mesmas actividades. Entre as que se ofertan para este verán están fútbol, baloncesto,
atletismo, bádminton, actividades acuáticas, tenis, atletismo e xogos predeportivos de
iniciación para os máis pequenos. A maiores realizarase unha excursión en cada mes, ao
parque acuático de Cerceda, en data a determinar.
No tocante ás quendas, a primeira será do martes 1 de xullo ao martes 15 (11 días). A
segunda irá do mércores 16 de xullo ao xoves 31 (11 días), sendo a terceira dende o
venres 1 de agosto ao xoves 10 (10 días). A cuarta vai do 18 de agosto ao venres 29 (10
días). Cómpre sinalar que aquela quenda que marque como primeira será na que poderá
entrar de xeito preferente. Nas quendas marcadas como, segundas, terceiras e/ou
cuartas opcións, so entrará no caso de que haxa prazas libres.
Inscrición
Por outra parte, dentro do prazo de inscrición previamente indicado, as solicitudes
teñen que presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica do Concello da
Estrada (https://aestrada.sedeelectronica.gal). Aqueles que non teñan posibilidade de
facelo poderán acudir ao Rexistro Xeral do Concello da Estrada, en horario de 09.00 a
14.00 horas, de luns a venres.
No tocante á documentación que é preciso presentar, dende o departamento de
Deportes sinálase a necesidade de acompañar a ficha de inscrición cumprimentada co
DNI do participante; DNI da nai, pai ou titor; tarxeta sanitaria do menor; libro de familia
ou documento que acredite oficialmente a situación de familia numerosa ou
monoparental e certificado médico no caso de enfermidades crónicas ou outras
afeccións.
Unha vez confirmada pola organización a participación no Campus Deportivo de Verán,
será preciso realizar o pagamento e achegar ou enviar o xustificante de pago ao
departamento de Deportes, situado na 4º andar do Concello, ou ben entregarllo o
primeiro día da actividade ao monitor. O número de conta no que facer o pago é o
seguinte: ES78 0081 2208 230001012603 (BANCO SABADELL).

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.