Entre elas, 23 corresponden a clubs ou asociacións e outras 6 a
deportistas individuais.
A nova liña de axudas para eventos deportivos, dotada con 100.000
euros, estréase cun total de 15 peticións formalizadas.
Con respecto ao ano pasado, quedan fóra da convocatoria da liña de
actividade cinco solicitantes, tres por presentar fóra de prazo e dous
porque non chegaron a cursar a solicitude.
Sumánse a estas subvencións tres novas entidades.
O departamento municipal de Deportes do Concello da
Estrada deu a coñecer hoxe o número de subvencións a clubs deportivos e deportistas
individuais que están xa en valoración ao abeiro da convocatoria de axudas 2024/2025,
logo de que rematara o prazo para a presentación de solicitudes. A administración
municipal admitiu un total de 44 peticións.
Así, desta volta e dentro da convocatoria anual habitual, o Concello admitiu a trámite 29
solicitudes, 23 delas vencelladas a clubs e asociacións e outras seis ligadas a deportistas
individuais. Entre todos eles distribuirá un total de 104.100 euros, aplicando para cada
caso os correspondentes criterios de baremación.
As seis subvencións a deportistas individuais que se presentaron foron admitidas na súa
totalidade. Pola contra, no caso dos clubs, optan a axuda 23 entidades, quedando
excluídas tres peticións desta convocatoria por presentar a solicitude fóra de prazo,
aínda cando se trata de clubs que tradicionalmente viñan beneficiándose destas axudas
anuais do Concello da Estrada. Ademais, outras dúas entidades habituais nesta listaxe
non figuran entre as que se beneficiarán nesta convocatoria porque non chegaron a
presentar a correspondente solicitude.
Os clubs que si presentaron documentación en prazo e optan a recibir unha destas
achegas económicas municipais son Atletismo A Estrada, Estrada Futsal, ACD Veteranos
Berres, Figueiroa Estrada Pádel, Club Ciclista Estradense, Peña Ciclista Bikestrada,
Carracedo Competición, CNS A Estrada, CAI A Estrada, Club Ximansia Estrada, Vea C.F.,
Sport Team A Estrada, EEFB, Club Bádminton A Estrada, Estrada Fútbol Sala Feminino,
CD Estradense, Sincroburbullas, Club Budoyama Karate, CBD Sondodance e CD Berres. A
eles súmanse outros tres que acceden á convocatoria por vez primeira: A Cambadela
Loita, Club RC A Estrada (radiocontrol) e Escudería San Paio.
Para eventos
Por outra parte, na nova liña de axudas convocadas este ano por Deportes A Estrada e
dotadas cunha partida de 100.000 euros, o departamento que dirixe Ismael Pena ten
contabilizadas 15 solicitudes en prazo e forma.
Esta nova convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva respaldará os
eventos deportivos de carácter puntual que poidan ser desenvolvidos no Concello da
Estrada entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025 por entidades ou
asociacións deportivas legalmente constituídas, sen ánimo de lucro e que teñan unha
repercusión social, económica e turística, ademais de servir como escaparate e
promoción da actividade física entre a cidadanía estradense.
O importe destas novas subvencións calcularase en consonancia cos criterios de
valoración recollidos nas bases publicadas o pasado mes de marzo. En todo caso, non
poderán superar o 60% do orzamento presentado para a competición ou evento
deportivo. Os importes máximos de cada categoría serían de 12.000 euros na categoría
internacional; 9.000 en categoría nacional; 6.000 na autonómica; 3.000 na provincial e
1.500 euros de máximo na categoría local.







































