Dende o Concello apláudese a boa sintonía e implicación coa Asociación
Rapa das Bestas e o bo funcionamento do Plan de Emerxencias activado
para estes días de Festa de Interese Turístico Internacional.
A análise da venta de entradas a través de internet permite observar a
proxección mundial que ten a Rapa, con billetes adquiridos dende países
como Estados Unidos, Hong Kong, Alxeria, México, Colombia,
Alemaña, Italia ou Reino Unido, entre outros.
Os de Sabucedo non dubidaron en ir buscar a Gonzalo Louzao e Óscar
Durán para duchalos coas mangueiras na súa tradicional xuntanza a
carón do teleclub.
Coa volta das greas do Santo aos montes nos que viven
en liberdade, Sabucedo en particular e A Estrada en xeral despiden unha edición da Rapa
das Bestas que pasará á historia local como a primeira que se celebra coa súa
catalogación como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial. No momento de facer un
primeiro balance, a edición queda tamén marcada por unha ‘comuñón’ e un ‘bautismo’.
“A comuñón coa asociación é total”, aseverou hoxe Óscar Durán, o concelleiro delegado
da organización da Rapa das Bestas na vertente municipal destes traballos. O edil
aplaudiu a boa sintonía coa asociación que preside Paulo Vicente Monteagudo,
sinalando que o Concello puxo todo da súa parte para procurar que todo saíse o mellor
posible.
Tras destacar os bos resultados de afluencia no curro e no conxunto da festa, Óscar
Durán aludiu ao bo funcionamento do Plan de Emerxencia, destacando que contribuíu a
dar unha reposta rápida e eficiente ante as “pequenas incidencias” que se foron
rexistrando. Foi o caso dun pequeno incendio nunha caseta; un golpe no teleclub;
contusións e mazaduras durante os curros; un golpe de calor experimentado por un
espectador ou unha picadura de vespa. “Ante todo se puido actuar con rapidez e,
afortunadamente, con bos resultados”, sinalou Durán.
Foi o propio Óscar Durán o que aludiu ao “bautismo” que a Asociación Rapa das Bestas
lle brindou, en clave festiva e de camaradería, ao alcalde, Gonzalo Louzao Dono, e a el
mesmo despois do curro do domingo. Como é habitual, os aloitadores gozaban do
descanso e da festa na costa do Teleclub de Sabucedo e non tardaron en aparecer as
tradicionais mangueiras para rebaixar as temperaturas e elevar a celebración.
Integrantes da asociación saíron na procura do rexedor e do concelleiro para facelos
pasar polo ritual, un xesto que os dous políticos non dubidaron en agradecer a pesares
da molladura.
Óscar Durán tamén quixo aproveitar hoxe a ocasión para agradecer a presenza dunha
decena de alcaldes, numerosos deputados e tres conselleiros (Cultura, Sanidade e
Educación) durante estes días da Rapa das Bestas, destacando asemade o respaldo que
o evento tivo na concorrida xornada do luns. “O terceiro curro do ano estivo lonxe desa
imaxe de curro máis familiar. Tivo unha gran afluencia”, sinalou Durán. O concelleiro
aplaudiu tamén o ambiente festivo que, ao longo de todo o día, se viviu en Sabucedo
durante esta fin de semana.
Análise das procedencias
No departamento municipal de Cultura avaliáronse hoxe os datos correspondentes á
venta de entradas a través de internet, a única habilitada nesta e nas últimas
convocatorias. Concretamente, revisouse a procedencia dos espectadores que gozaron
do curro, un dato que permite observar a proxección internacional que ten a Rapa das
Bestas. Xunto con público chegado de distintos puntos da xeografía española, no curro
do sábado houbo persoas procedentes de países como Francia, Irlanda, Estados Unidos,
Colombia, México ou Portugal.
Para presenciar o curro do domingo adquiríronse entradas de Estados Unidos, Reino
Unido, Portugal, Italia, Hong Kong, Alemaña, Francia, Bélxica, Alxeria ou Andorra. Para o
último do ano, o deste luns, os billetes foron mercados por espectadores chegados de
Bélxica, Brasil, Cuba, Francia, Alemaña, Italia, México, Portugal, Reino Unido ou Estados
Unidos.
Cómpre sinalar que as entradas para a primeira cita do ano no curro do Campo do Medio
esgotáronse en catro días (as primeiras vendéronse o 1 de xuño) e as do domingo, en
seis.


























































































