• O Concello destina a estas actuacións, necesarias para poder abrir as
instalacións tras moitos anos de peche, 50.000 euros.
• Limpeza de fachada, conservación da carpintería exterior de madeira,
pintado, melloras eléctricas e actuacións no patio, entre as intervencións
programadas.
• Despois destes traballos adxudicarase a creación do discurso expositivo.
O OooMuseo do Pobo Estradense, que leva o nome de
Manuel Reimóndez Portela, afronta un verán de obras. O alcalde, Gonzalo Louzao Dono,
avanzou hoxe que as instalacións pasarán os meses de xullo e agosto acollendo as
actuacións programadas para avanzar, de xeito decidido, cara a súa reapertura.
O mandatario explicou que se reservaron 50.000 euros para efectuar unha limpeza da
fachada; a conservación da carpintería exterior de madeira; o pintado do interior;
mellora da instalación eléctrica; mellora da seguridade e tamén intervención no patio
interior do edificio do antigo matadoiro municipal para que se integre no discurso
museístico.
Estas obras chegan despois de que nos últimos meses se estivera realizando nestas
instalacións municipais a retirada de diverso material que non era susceptible de
someterse ao proceso de catalogación e ordenamento de fondos que se realizará tras a
execución das reformas agora previstas. “Unha vez rematadas estas obras,
adxudicaremos a construción do discurso expositivo, que estará centrado na historia da
Estrada, nas tradicións estradenses e na Estrada dos séculos XIX e XX”, detallou hoxe
Louzao Dono.
O Museo do Pobo Estradense trasladouse ó edificio que ocupa actualmente no ano
1996, na sede do antigo Matadoiro Municipal. Nos últimos anos o inmoble foi obxecto
dunha actuación de mellora estrutural e de renovación da cuberta. Agora,co obxecto de
proceder á apertura do museo ao público, xurde a necesidade de realización dalgunhas
actuacións menores tanto no interior como no exterior do inmoble para garantir o
óptimo estado de conservación da obra e que estas instalacións volvan a abrir as súas
portas.
O alcalde lembrou que o seu goberno trasladou hai meses o seu desexo de dar o impulso
definitivo á reapertura do Museo Reimóndez Portela para que se converta “nun dos
nosos grandes emblemas culturais”.
Catalogación
Co procedemento de reapertura en marcha faise preciso un proceso de selección e
depuración do material dispoñible no centro, froito das moitas doazóns que o Museo do
Pobo Estradense foi recibindo nos seus anos de historia, con materiais de ampla
diversidade. Deste xeito, ábrese un tempo para a catalogación e ordenación dos fondos
de cara a distribuílos para a súa exhibición.
É difícil calcular o número de pezas que figuran no haber do museo estradense, se ben a
última estimación barallada pola dirección apunta a que pode estar por encima das
2.000. Entre elas figuran moitas pezas etnográficas (algunhas vencelladas ao traballo do
liño, á labranza ou á tornaría), arqueolóxicas, pictóricas ou fotográficas. Contan as
instalacións con cadros de Laxeiro, Colmeiro, Castelao, Miguel Docampo, Xesús Muras,
Fragoso, Ángel Lemos de los Reyes, Morales, Ramiro Cimadevila, Jano Sanmartín, Susana
Pazo Maside, Santiago Tato, José María Barreiro ou Daniel Cifuentes. No fondo
fotográfico existen negativos de Ovidio Piso ou Celestino Fuentes, entre outros.
Súmanse ao legado que poderá exporse maquetas a escala da antiga e desaparecida
igrexa ou o Cruceiro da Estrada







































