ARRANCAN AS OBRAS DE REFORMA DO MUSEO REIMÓNDEZ PORTELAPARA ENCAMIÑAR A REAPERTURA DESTE ESPAZO AO PÚBLICO

 A firma Martínez e Neira traballa xa nesta actualización do recinto para
poder abrir novamente á visita o tamén chamado Museo do Pobo
Estradense.
 Estiman que a obra poida quedar rematada no prazo aproximado dun
mes.
 A empresa aproveita o bo tempo para axilizar os traballos no exterior,
tanto nas fachadas coma no patio do inmoble.
 Unha vez rematadas estas actuacións, arrancará a construción do
discurso expositivo.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse a
primeira hora desta mañá ata o Museo do Pobo Estradense, que leva o nome de Manuel
Reimóndez Portela, onde hoxe deron comezo as obras de reforma anunciadas polo Concello
para avanzar cara a reapertura destas instalacións ao público, logo de máis dunha década de
peche continuado.
O rexedor departiu cos traballadores da firma Martínez e Neira, que aproveitarán o bo
tempo para apurar as obras na zona exterior do museo, emprazado no edificio histórico
do antigo Matadoiro Municipal. Deste xeito, os operarios estiveron hoxe no patio do
inmoble e tamén facendo limpeza das fachadas.
Esta actuación, que será sufragada polo Concello da Estrada cun investimento de 50.000
euros, supón unha actualización e posta a punto do recinto tras tanto tempo pechado,
se ben é certo que desta volta se aposta por que o acondicionamento chegue tamén ao
patio exterior para que, cando se produza a pronta reapertura que se espera, este pase a
integrarse ao percorrido expositivo.
Como xa se ten avanzado, no exterior o proxecto contempla a restauración das
carpintarías de madeira mediante un decapado do verniz existente en mal estado, con
posterior lixado, novo vernizado e selado. Pintaranse as reixas situadas tanto nas
carpintarías como no peche da parcela e limparanse os muros de pedra do edificio e do

peche da propiedade. Aproveitarase a obra para a retirada de sedimentos da zona
empedrada a sementarase herba na área axardinada.
A intención de empresa é aproveitar as condicións meteorolóxicas favorables para
traballar fóra, deixando contra o final as obras do interior. Estas pasan pola substitución
do cadro eléctrico; lixado e empastado de paramentos interiores deteriorados pola
humidade; aplicación de pintura plástica satinada e a formación dun falso teito de cartón
xeso no despacho situado na planta alta.
O alcalde calculou, tras visitar os traballos, que a actuación podería quedar completada
no prazo aproximado dun mes.
Unha vez rematadas estas obras, arrancará a construción do discurso expositivo, que
estará centrado na historia da Estrada, nas tradicións estradenses e na Estrada dos
séculos XIX e XX, segundo ten detallado o propio Louzao Dono.
O Museo do Pobo Estradense trasladouse ó edificio que ocupa actualmente no ano
1996. Nos últimos anos o inmoble foi obxecto dunha actuación de mellora estrutural e
de renovación da cuberta. Agora, ao obxecto de proceder á apertura do museo ao
público, xurde a necesidade de realización dalgunhas actuacións menores tanto no
interior como no exterior do inmoble para garantir o óptimo estado de conservación da
obra e que estas instalacións volvan a abrir as súas portas

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.