Este tipo de elemento posibilitaría a contención da casca de pino e
evitaría a entrada de lixo nos espazos axardinados que salpican a praza.
O Concello avanza no plan de mellora de distintos xardíns no casco
urbano, por importe superior aos 128.800 euros.
O plan de mellora das zonas axardinadas no casco
urbano está chegando estes días a distintos espazos verdes da capital estradense. No marco
desta actuación, o goberno local valora complementalo coa introdución dalgunha obra que
contribúa a mellorar espazos como as xardineiras superficiais da Praza da Feira. Máis polo
miúdo, o edil delegado de Servizos Municipais, Óscar Durán, apuntou que se está estudando
a incorporación dun bordo perimetral nestes espazos públicos para favorecer o
mantemento, asegurando unha maior limpeza da contorna ao evitar a dispersión de
materiais como a casca de pino.
Durán indicou que a este tipo de zonas axardinadas, completamente ao nivel do pavimento,
incorpórase unha malla que impide que medre a herba. Aínda así, é habitual que as plantas
se acompañen de elementos como a cortiza de piñeiro, que mellora a estética á vez que
axuda a conter a proliferación de herbas. A mellora proposta para este tipo de elementos
construiría un bordo de contención ao longo do todo o perímetro, “evitando que este
material se disperse e tamén que entre outro tipo de lixo nestas zonas axardinadas”, sinalou
Durán.
Sobre os parterres creados na última remodelación da Praza da Feira o plan de mellora que
está en marcha proxecta afondar na limpeza e reposición de plantas salpicando todo o
entorno, apostando por elementos de carácter arbustivo.
Agradecemento polo coidado cidadán
Noutra orde de cousas, Óscar Durán aproveitou a ocasión para ofrecer un agradecemento
público a veciños e comerciantes de diversas rúas do casco urbano que atenden e miman as
xardineiras máis próximas aos seus fogares e locais. “Non se pretende en ningún momento
que o mantemento o fagan os cidadáns, pero é bonito e digno de agradecemento o coidado
extra que algúns lle dispensan a este ben común”, sinalou o concelleiro. Precisou que se dan
exemplos en vías como a Rúa Serafín Pazo, Ulla e Praza de Galicia, uns coidados que supoñen
un agradable contrapunto a actos vandálicos dos que, lamentablemente, tamén teñen sido
obxecto as zonas verdes en episodios recentes.
O plan de mellora impulsado polo Concello, cun orzamento de 128.846 euros (IVE incluído),
suporá executar un acondicionamento profundo en sete áreas axardinadas do casco
urbano: a alameda municipal, parque de Figueiroa, Praza da Feira, zona axardinada da
Baiuca (diante do heliporto a carón do centro de saúde), illote de Toedo (próximo á estación
de servizo existente), rotonda de entronque da Avenida de Santiago coa Rúa da Cultura e
toda a mediana axardinada desta última.
A maiores, o executivo traballa xa para lanzar proximamente a licitación dun plan anual de
mantemento das zonas verdes no que se inclúen tamén podas de árbores, rozas e outras
intervencións.







































