O programa
Toponimizate. Falámosche dos nomes
da túa terra
recalará na Estrada o vindeiro 2 de outubro. A Casa das Letras acollerá, ás 19.00
horas, unha charla divulgativa que ten como principal obxectivo informar e concienciar á
cidadanía sobre a importancia de conservar e recuperar os topónimos como parte
importante que son do patrimonio inmaterial.
Dende o ano 2017, a Secretaría Xeral da Lingua, en colaboración coa Real Academia Galega,
vén ofrecendo charlas divulgativas por medio de Toponimízate en concellos, colexios,
asociacións culturais e centros de maiores sobre o valor cultural da toponimia galega e a
necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada. Así,
nestes relatorios explícase polo miúdo o uso desta aplicación colaborativa, así como a
rendibilidade que se lle pode tirar a esta capa de información cultural unha vez que está
xeorreferenciada e normativizada.
A sesión permitirá, ademais, expoñer de forma divulgativa o significado dos topónimos
maiores (parroquias e aldeas) da Estrada. Contará para iso coa participación de Vicente
Feijoo Ares, un experto que leva 25 anos traballando e investigando a toponimia galega.
Actualmente é o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da RAG. Desde este posto
de traballo, entre outras funcións, coordina o proxecto colaborativo Galicia Nomeada, o
proxecto de revisión e actualización do Nomenclátor de Galicia e imparte as charlas da
campaña de divulgación Toponimízate, ademais de elaborar contidos para o portal web
Toponimia de Galicia






































