ESTREA DA ZARZUELA «A LENDA DE MONTELONGO»

Conservatorio Profesional de Música da Estrada, Coral Polifónica Estradense, Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) e Tequexetéldere estiveron esta mañá representadas no acto de presentación da zarzuela “A lenda de Montelongo”.
Estrearase no Teatro Principal da Estrada os días 25 e 26 de outubro, no marco da programación cultural de outono.
“Estamos aquí para presentarvos unha zarzuela con ADN galego e en galego, das poucas zarzuelas que existen na nosa lingua», dixo a concelleira de Cultura, Lucía Seoane. Puxo tamén en valor que a peza permite continuar “a senda das sinerxías entre as distintas agrupacións que se acubillan baixo o paraugas da Fundación Cultural da Estrada”.
A parte musical desta zarzuela correrá por conta da orquestra que conforma o profesorado do Conservatorio Profesional de Música da Estrada e das voces da Coral Polifónica, dúas entidades baixo a batuta de Xabier Comesanha.
Actores da Escola Municipal de Artes Escénicas subirán ao escenario, nunha peza que tamén ten na dirección teatral a outro alumno da EMAE, Julio Cores. Xunto a eles estarán os solistas Indra Sesti e Jacobo Rubianes.
A función do sábado 25 será ás 20.00 horas e a do domingo 26, ás 19.00. As entradas estarán á venta dende mañá mércores no departamento municipal de Cultura, ao prezo de 5 euros.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.