O departamento municipal de Xuventude ofrece, a través de firma
Anacos Educativos, unha batería de propostas de xogos e obradoiros que
arrancan este sábado no segundo andar do Novo Mercado.
Cada sesión terá dúas horas de duración, entre as 21.00 e as 23.00 horas,
con acceso gratuíto para mozos a partires dos 12 anos.
Xogos de enxeño, un cluedo polas rúas máis céntricas e un obradoiro de
fotografía con teléfono móbil, as suxestións para esta segunda edición.
Nos obradoiros da primeira convocatoria participaron máis de 200
xoves, revelando un baleiro de espazos de lecer específicos para a
mocidade de entre 12 e 16 anos.
Despois do éxito acadado na primeira convocatoria, o
departamento municipal de Xuventude do Concello da Estrada e a firma Anacos
Educativos presentaron esta mañá unha nova edición do programa “Noites Novas”,
unha alternativa de ocio para a mocidade estradense coa que se busca configurar un
espazo saudable, seguro e diverso.
A concelleira de Cultura, Lingua e Xuventude, Lucía Seoane, e a responsable de Anacos
Educativos, Andrea Piñeiro, explicaron que o programa retorna xa dende este sábado,
de xeito que os días 11, 18 e 25 de outubro serán “Noites Novas”. Cada unha das
actividades propostas, pensadas para rapaces a partir de 12 anos, terá unha duración de
dúas horas, de 21.00 a 23.00.
Cómpre lembrar que unha das principais premisas das que se partiu á hora de configurar
este programa de actividades, que se estreou a pasada primavera, foi a de procurar que
a xuventude poida ocupar tempos de ocio en horario nocturno, libres de calquera
promoción de hábitos tóxicos e consumistas. Ademais, o público ao que se dirixen estas
propostas busca incluír a eses mozos que, probablemente, aínda non atoparon un
espazo de ocio propio e axeitado ás súas circunstancias, a eses anos que xa se afastan da
infancia pero que aínda non se emprazan na idade adulta.
As propostas volven apostar por temáticas que buscan unha participación activa e un
intercambio de experiencias. Todas elas inclúen monitores especializados, os materiais
precisos e os seguros necesarios, sen custe algún para os participantes.
Actividades
Este sábado, 11 de outubro, proponse unha velada de enxeño, un xogo no que as
persoas participantes porán a proba a súa capacidade, intuición e creatividade para
resolver retos en equipo. A través de probas de lóxica, dedución e cooperación
crearanse un ambiente divertido e participativo no que o enxeño será clave para gañar.
Tras xuntarse no Novo Mercado, a actividade será na rúa.
O sábado 18 de outubro será noite de Cluedo. Neste caso, a actividade propón un xogo
de investigación no que as persoas participantes deberán resolver un misterio mediante
pistas, deducións e traballo en equipo. Cada grupo terá que percorrer a zona de xogo
(rúas céntricas da Estrada) e atopar os diferente cartaces con personaxes. Terán que
analizar a información dispoñible e formar hipóteses ata descubrir quen foi a persoa
responsable, como actuou e cal foi o móbil do suceso.
Para o sábado 25, “Noites Novas” reserva un obradoiro de fotografía con teléfono móbil
e dende unha perspectiva de xénero. A través de actividades prácticas, explorarase
como a mirada con que facemos as fotos está influída por roles e estereotipos e como se
poden crear imaxes máis conscientes e igualitarias. Os participantes aprenderán nocións
básicas de composición e encadre, ao tempo que se fomentará a creatividade e a
reflexión.
Recomendan inscribirse
Coma na edición anterior, Andrea Piñeiro sinalou que a inscrición non é obrigatoria, pero
si recomendable por cuestións de organización. “Como na vez anterior, a nosa proposta
é: se sabes que vas vir, avisa; se non te anotaches, pode vir igual”, dixo.
Na primeira edición deste programa foron máis de 200 os mozos que participaron, con
varias convocatorias que tiveron o aforo completo. A iniciativa permitiu observar un
baleiro de espazos de lecer específicos para a mocidade de entre 12 e 16 anos, un oco
que dende o departamento municipal de Xuventude se buscará encher con novas
propostas como as presentadas esta mañá.







































