O alcalde da Estrada, sorprendido ante a resposta de Transportes ao
proxecto da conexión da EP-7016 coa N-640 nas Colonias,
“consensuado durante o goberno de Carmela Silva”.
“O que pido é que se poñan traballar. Que falen e que vexan cales son os
problemas co normativa actual que alega o ministerio e que se
solucionen”, di o mandatario.
O rexedor solicita unha reunión técnica a tres bandas e recalca que a
actual Deputación se comprometeu financiar a totalidade da obra,
asumindo o Concello as expropiacións.
“O que necesitan obras coma esta é vontade política”.
A conexión entre a EP-7016 e a N-640, á altura da
rotonda das Colonias, é algo que dende hai tempo preocupa ao goberno estradense por
unha cuestión de seguridade vial. O pulo definitivo para que pudiese arrancar esta
mellora estaba pendente do informe sectorial do Ministerio de Transportes, preciso
para asinar o convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da Estrada. De
feito, despois de coñecer esta situación no transcurso dunha reunión (o pasado mes de
marzo) coa deputada provincial de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, o alcalde
estradense, Gonzalo Louzao, púxose en contacto coa Subdelegación do Goberno para
trasladarlle a urxencia desta tramitación e da propia obra.
Hoxe, o xefe do executivo local recibiu a noticia da denegación pola prensa, se ben horas
máis tarde coñeceu a resolución de man da Subdelegación. “Amanecimos sorprendidos
pola negativa do Ministerio á solicitude, máis que nada porque este é o mesmo proxecto
consensuado durante o goberno provincial de Carmela Silva”, manifestou o rexedor.
“Isto non pode ser así. Eu pido unha reflexión: este proxecto iniciou a súa redacción coa
vontade do goberno anterior de Carmela Silva, aínda que non continuou a súa
tramitación. É un proxecto encargado e elaborado polo anterior goberno provincial do
PSOE que, polo que nos din dende a institución provincial, foi consensuado coas persoas
que estaban dirixindo o Ministerio de Transportes na provincia de Pontevedra naquel
momento”, sinalou Louzao, xusto antes de engadir: “Agora o mesmo proxecto que antes
foi consensuado co ministerio recibe unha negativa por cuestións técnicas”. “Non quero
ser suspicaz con que A Estrada sexa un goberno do Partido Popular e a Deputación de
Pontevedra sexa un goberno da mesma cor”, manifestou.
Vontade política
“O que pido é que se poñan traballar”, declarou o alcalde da Estrada, que lembrou que
existe o compromiso da Deputación para financiar ao 100% “un proxecto que ten que
ver coa seguridade dos cidadáns”. “Que falen e que vexan cales son os problemas coa
normativa actual que alega Transportes e que se solucionen neste proxecto”, continuou
Gonzalo Louzao. “Se o Ministerio non lle puxo problemas á rotonda do Mercadona, non
sei cales pode haber nesta”, ironizou.
Louzao recalcou que esta actuación “tiña que ser realidade neste ano” e que o Concello
reservou ao efecto nos oarzamentos municipais os 63.000 euros precisos para facer
fonte ás expropiacións dos terreos aos dos propietarios afectados.
“Un pau”
Nesta mesma liña, o rexedor incidiu en que o Concello fixo os deberes e o proxecto
estaba xa elaborado na época socialista, aínda que foi agora, co goberno de Luis López,
cando recibiu o impulso e o financiamento necesario por parte da Deputación. “Só
estabamos pendentes da resolución do ministerio para asinar ese convenio e agora
recibimos este pau”, lamentou, recalcando de seguido que son moitos os veciños da
Estrada que empregan este vial, “pero sobre todo os das parroquias de Guimarei,
Vinseiro, Cereixo e Lagartóns, que hoxe reciben esta nova sobre unha necesidade
acuciante”.
Louzao Dono non quixo deixar pasar a ocasión de lembrar que todos os grupos políticos
con representación municipal coincidiron na urxencia desta obra. “Falamos de que non
hai ancho suficiente, de que é unha saída moi insegura a deste pequeno tramo da
PO-7016 cara a N-640”. “É unha estrada que une as parroquias de Guimarei, Vinseiro,
Cereixo e nos une co veciño concello de Forcarei, por tanto unha estrada moi transitada
e que dá servizo a unha poboación importante dunha parte central do noso concello e
que nos conecta coa parte sur”, recalcou o alcalde, que reiterou a súa preocupación logo
de teren conseguido a vontade da Deputación de iniciar o procedemento para eses
“escasos 300 metros que unen a rotonda das Colonias con esta vía que popularmente se
coñece como estrada a Vinseiro”.
“Xa non falemos de que non hai espazo para os peóns e de que a saída é insegura para os
vehículos utilitarios, senón de que cando sae un vehículo longo como un autobús ou un
camión provoca, non só un problema nesa estrada a Vinseiro, senón tamén para o
entronque coa N-640”, incidiu o mandatario estradense. “Estamos falando de mellorar a
seguridade”, sentenciou, visiblemente molesto cunha resposta de Transportes que
alude a criterios técnicos.
Gonzalo Louzao dixo que hoxe mesmo o Concello solicitará unha reunión técnica a tres
bandas para “buscar unha solución”. “O necesitan obras coma esta é vontade política”,
defendeu o alcalde da Estrada.
A obra
O que se pretende con esta obra é executar unha conexión máis segura entre a vía
provincial que vai da Estrada a Vinseiro e As Casetas coa nacional. O financiamento da
actuación será integramente asumido pola institución provincial, con un orzamento que
superará os 216.000 euros. Pola súa banda, o Concello tería que asumir as expropiacións
para poder dotar dunha maior anchura á estrada.
A EP-7016 ten un treito inicial cun ancho moi reducido, sen beiravías e con moi pouca
visibilidade, xa que a traza presenta curvas pronunciadas. O proxecto supón a
construción dunha variante que conecte a vía coa N-640 á altura da rotonda das
Colonias. A nova conexión terá un trazado lineal, con 7 metros de ancho, fronte aos 4,5
da actual. Asemade, contará con beiravías de medio metro en ambas dúas marxes, co
que se mellorará a seguridade.







































