A obra será sufragada con fondos do Plan +Provincia da Deputación e
ten asociado un orzamento de 307.721 euros.
A actuación suporá a substitución do peche actual e das gradas
existentes, construción de aseos e melloras en fontanería, electricidade e
carpintería.
A Xunta de Goberno Local da Estrada aprobou esta
mañá abrir o expediente de contratación para a obra de remodelación do campo de
fútbol Manuel Regueiro, emprazado na Zona Deportiva. Os traballos serán financiados
no marco do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e teñen un orzamento
asociado de 307.721,79 euros.
A contratación realizarase a través dun procedemento aberto simplificado, con
tramitación ordinaria. O anuncio publicarase na plataforma de contratación do sector
público para que os interesados poidan presentar as proposicións que consideren
pertinentes durante o prazo de 20 días naturais contados dende o día seguinte da súa
publicación.
O campo de fútbol Manuel Regueiro presenta na actualidade un muro de peche
deteriorado, unhas gradas desmontables de capacidade insuficiente e a dotación dun
único aseo para o público. Ademais, no recinto existen postes inutilizados da antiga
instalación de iluminación. Partindo desta situación, o proxecto para o que hoxe se
iniciou o expediente de contratación inclúe a substitución do peche actual e das gradas
existentes, así como a construción de aseos, xunto con outras melloras.
Para a substitución do peche procederase á demolición do actual, composto por postes
metálicos e malla de arame. Construirase un novo con postes tubulares rectangulares e
chapa cega de aceiro, lacada alternando gris grafito e branco, cun deseño idéntico ao
empregando no Novo Municipal.
A actuación suporá tamén construír unha nova bancada de 42 metros de lonxitude, con
5 filas de gradas e cuberta de chapa sobre estrutura metálica. A nova instalación poderá
acoller, aproximadamente, a 350 persoas.
Ademais de construír novos aseos próximos á zona de acceso, o proxecto contempla
outra batería de melloras na fontanería, electricidade ou carpintería.







































