A proposta busca abrir novas vías de comercialización; a aprendizaxe de
técnicas innovadoras en sanidade e produción vexetal ou profundar no
binomio sidra-turismo, entre outros obxectivos.
A iniciativa conta co respaldo da Dirección Xeral de Gandaría,
Agricultura e Industrias Agroaliemntarias e do Concello da Estrada.
Representantes do sector estradense da mazá e
da sidra emprenden mañá unha viaxe de transferencia tecnolóxica neste eido de
actividade, unha iniciativa na que atopan o respaldo da Dirección Xeral de Gandaría,
Agricultura e Industrias Agroalimentarias e do Concello da Estrada.
Esta experiencia dirixiuse a persoas titulares de explotacións de mazá para sidra e
industrias conexas, así como a integrantes da Asociación Maceira e Sidra da Estrada. Os
participantes parten mañá do municipio e viaxarán por Asturias, Cantabria e País Vasco,
regresando o vindeiro domingo.
Os obxectivos desta viaxe céntranse en descurbir novas vías de comercialización;
aprender técnicas innovadoras en sanidade e produción vexetal; coñecer os últimos
modelos de máquinas para campo e industria e establecer contactos e sinerxías entre
produtores e sidreiros.
O alcalde, Gonzalo Louzao, e o edil de Promoción Económica, Óscar Durán, teñen
intención de acompañar aos representantes da actividade estradense nalgunhas das
visitas programadas, nun intento de respaldar a un sector que revitalizou a cultura
sidreira local e que leva anos en auxe, tal e como demostra o crecemento constante das
explotacións e comercialización de mazá en réxime ecolóxico (con máis de 100
hectáreas en produción no actualidade), a recuperación de lagares artesanais ou o éxito
de cada edición da Feira da Sidra.
En canto aos contidos do programa, a expedición visitará mañá a Sidrería Castañón
(Villaviciosa, Asturias) para realizar un seguimento da elaboración da sidra con
maquinaria de última xeración. De seguido, visitará a explotación Gallinal (Xixón),
centrando o interese no manexo en campo de varias variedades de mazá, técnicas de
enxertado para o cambio de variedades ou a elaboración de sidra monovarietal propia
de alta acidez.
A xornada do venres discorrerá entre Renedo de Piélagos (Cantabria) e Astigarraga (País
Vasco). Na parte cántabra está fixada unha visita á Sidrería Somarroza, con premio á
mellor sidra natural do mundo. Analizarase a limpeza de malezas e fertilización con
ovellas, pavos e ouro tipo de gando. Pola tarde, os asistentes participarán nunha mesa
redonda sobre a produción integrada e ecolóxica de mazá de sidra.
Para o sábado o programa inclúe unha visita ao Museo da Sidra da Asociación de
Turismo da Sidra, seguida de visita á Sidrería Bereziartúa (Astigarraga), abordando a
introdución da sidra na gastronomía como vía de comercialización.
Pola tarde haberá unha visita á Sidrería Astarbe (dende 1589), que brindará a
oportunidade de afondar no binomio sidra-turismo.







































