O alcalde visita actuacións que están agora en execución no marco do
Plan Camiña Rural.
A nova remesa de pavimentacións rurais está en licitación, coa previsión
de contratar nos vindeiros días e comezar as obras co arranque do ano.
O Concello traballa xa na redacción dos novos plans para 2026, cunha
previsión de investimento doutros 2 millóns de euros.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou estes
días as obras que se atopan en execución para a mellora da rede viaria no ámbito rural. O
mandatario explicou que o receso nas intensas precipitacións das últimas xornadas está
permitindo imprimir celeridade aos traballos. En concreto, as actuacións que están en
execución pertencen ao Plan Camiña Rural. No mes de xaneiro tomará o relevo outro
proxecto que nestes intres se atopa en licitación e que chegará a infraestruturas de 23
parroquias.
O Plan Camiña Rural 2025, financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
(Agader), inclúe a pavimentación de vías que son de titularidade municipal e que
conectan as parroquias de Ribela e Codeseda. O montante das actuacións programadas
é de preto de 160.000 euros (159.641).
O alcalde explicou que se apostou por incluír neste plan o camiño que conecta o lugar da
Igrexa (en Ribela) co de Marcenlos (Codeseda), unha infraestrutura que comunica coa
estrada provincial que une A Estrada con Forcarei. Indicou que se estiveron limpando as
cunetas e asfaltando con aglomerado en quente.
Outra das vías nas que se actúa con este proxecto é un ramal que atravesa Trabadela,
tamén na parroquia de Ribela, de novo mediante limpeza de foxos, varrido superficial e
firme a base de aglomerado en quente, con rega de adherencia. A mesma actuación
reservouse para A Portela, na parroquia de Codeseda, onde xa se rematou o asfaltado.
Por outro lado, o Concello ten en licitación un proxecto de pavimentacións en vías de 23
parroquias, financiadas con fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e
que se achegarán aos 800.000 euros de investimento. O alcalde trasladou hoxe a
previsión de que estes traballos entren en execución xa no vindeiro mes de xaneiro, logo
de que nos próximos días se reúna a mesa de contratación.
A relación de intervencións prevista sería a seguinte:
• Toedo: Toedo, Cerrada das Carballas, O Soutiño, O Soutiño-Igrexa e A Carballa.
• San Pedro de Ancorados: O Foxo e O Foxo-Penalba.
• Callobre: Ponteliñares-Moreira (Devesa) e Ponteliñares.
• Guimarei: A Torrevella.
• Santo André de Vea: Trazaríns-Cardelle e Cardelle.
• San Xiao de Vea: Vilanova.
• San Tomé de Ancorados: Igrexa.
• Aguións: A Raxeira, O Codeso e A Frieira.
• Vinseiro: Vis de Correa.
• Matalobos: Guendos e Saiñas.
• Remesar: Aldea Grande e A Rabeta.
• Santeles: Viasque, Sar e Fondevila.
• Berres: Altiño de Berres.
• Orazo: Barro.
• Arnois: Gundián.
• Loimil: Loimil (Igrexa).
• Rubín: Bemposta.
• Cora: Cora.
• Lagartóns: Os Tatos e O Viso.
• Codeseda: Barro e Vilaboa.
• Nigoi: O Pazo.
• San Miguel de Castro: Igrexa.
• San Miguel de Barcala: Negreira e Cimadevila.
Finalmente, Louzao Dono, sinalou hoxe que o goberno traballa xa na redacción de novos
plans de asfaltados rurais de cara a 2026, coa previsión de investir outros dous millóns
de euros para mellorar a rede de comunicación das parroquias.







































