Unha carpa na Praza do Mercado ofrecerá aos cidadáns interesados o
kit de benvida como usuarios do quinto colector.
Os contedores marróns empezan o luns a chegar á capital estradense,
primeiramente como proxecto piloto para os grandes produtores.
Os cidadáns particulares poderán xa empregar, de xeito voluntario, estes
puntos de depósito.
Unha nova acción informativa permitirá mañá
sábado comezar a sumar cidadáns ao “voluntariado marrón” para a introdución do quinto
colector nas rúas da Estrada, un punto de depósito exclusivamente reservado para residuos
de carácter orgánico. A través desta acción a pé de rúa, que se desenvolverá na carpa da
campaña “Ti tes a Chave” localizada na Praza do Mercado, as persoas e empresas
interesadas poden darse de alta como usuarias dos contedores que empezarán a chegar o
luns á capital estradense e que precisan unha tarxeta para súa apertura.
Todos os veciños que se queiran sumar tan só deben achegarse á carpa (de 10.30 a 13.30
horas) para facilitar os seus datos de contacto e tramitar in situ a súa alta na campaña.
Nese instante recibirán tamén a correspondente tarxeta de apertura e un kit de benvida,
que consta dun cubo aireado, un pack de bolsas compostables e un folleto informativo.
Cómpre aclarar que a que arranca estes días é unha experiencia piloto, a xeito de
sondaxe da incorporación do quinto colector na capital estradense. Nesta fase inicial
chegarán unha decena de colectores, que serán emprazados en proximidades de
grandes e medianos produtores deste tipo de residuos. En todo caso, aqueles cidadáns
que queiran comezar a sumarse a empregar os colectores que pronto serán obrigatorios
poden xa facelo, acudindo a estes puntos de depósito.
Por outro lado, unha empresa especializada continuará visitando porta a porta a grandes
e medianos produtores de orgánica para realizar este trámite de alta na campaña e facer
entrega da tarxeta de apertura máis o kit de benvida.






































