O alcalde explica que se habilitaría sobre a parcela que o Concello obtivo
tras a concentración parcelaria Val do Vea II, no acceso á famosa ponte
colgante deste coto salmoneiro.
Esta área de esparexemento require un investimento de 100.000 euros.
Suporía a creación de sendeiros que garantan a accesibilidade á
estrutura, ademais de instalar mobiliario urbano e novos elementos de
iluminación.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, aproveitou
este xoves a súa reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles,
Vázquez, para pedir a colaboración deste departamento autonómico nun proxecto que o
goberno local ten en carteira. Trátase da construción dunha área de esparexemento á beira
do río Ulla na parroquia estradense de Couso, concretamente no couto de pesca do
Xirimbao. A iniciativa busca aproveitar o potencial turístico que para o municipio brinda a
singular ponte colgante que, sobre as augas do Ulla, conecta os veciños concellos da Estrada
e Teo.
Louzao Dono explicou que o proxecto encaixa esta área recreativa sobre a parcela que o
Concello obtivo neste enclave logo da concentración parcelaria Monte Val do Vea II, situada
xusto no acceso á ponte colgante do Xirimbao dende a ribeira estradense.
De feito, o nome escollido para esta área sería o de “Pararela Xirimbao”. O fin último da
iniciativa é dignificar este espazo e mellorar o seu aproveitamento, poñéndoo ao servizo de
todos os visitantes e usuarios deste afamado coto salmoneiro.
O alcalde lembrou que a iniciativa municipal dá continuidade ao traballo que xa vén
realizando a Xunta neste entorno coas obras de recuperación da propia pasarela, un dos
grandes atractivos turísticos da zona polo feito de combinar a singularidade da
infraestrutura coa beleza da paisaxe fluvial na que se enmarca.
Neste contexto, o rexedor sinalou que os veciños da zona pedían unha área turística na
desembocadura da ponte, como acontece do outro lado do río. “A falta de espazo público foi
remediado no marco desta concentración parcelaria”, observou.
Gonzalo Louzao avanzou que o proxecto ideado polo Concello ten asociado un investimento
de 100.000 euros. A proposta inclúe a reordenación dos espazos e a mellora da
accesibilidade, tendo en conta as limitacións que ocasiona a topografía existente. Así, o plan
sería crear sendeiros con acabado en xabre cemento en cor terra, un paseo accesible cunha
pendente máxima do 6%. O resto adaptaríase á pendente natural dos terreos. Para o caso do
sendeiro accesible construiranse muretas de nivelación, de cachotaría granítica e unha
altura media de un metro.
A intervención completaríase coa dotación de mobiliario urbano acorde e respectuoso con
este espazo natural, nomeadamente mesas e bancos, así como coa instalación de
iluminación para todo o recinto.
O alcalde engadiu a todo isto unha acción de conservación na zona verde, preservando o
arborado actual e contemplando a incorporación dalgún exemplar máis.







































