A expedición é unha novidade na Estrada, xa que esta prestación non
existía no municipio ata a posta en marcha do servizo itinerante para a
tramitación do Documento Nacional de Identidade.
A alta demanda volve esgotar as citas: xa non quedan ocos en xaneiro
nin febreiro, este último con visita do Vehículo Integral de
Documentación os días 3, 4 e 19.
Un terzo das citas que os estradenses solicitan para o
Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional correspóndense coa
expedición ou renovación do pasaporte. Este servizo é unha novidade no Concello da
Estrada xa que, antes de que esta unidade comezase a desprazarase ata a capital
estradense en abril de 2025, os residentes neste municipio tiñan que desprazarse ata
diversas cidades para poder tramitar esta documentación.
Agora, tanto a emisión como a renovación do pasaporte realízase a través do mesmo
servizo itinerante que a Policía Nacional puxo en marcha para facilitar e axilizar aos
estradenses a expedición do Documento Nacional de Identidade (DNI). O sistema de
citación corresponde á Policía Local e estas citas computan entre a trintena de quendas
dispoñibles en cada xornada operativa do VIDOC.
Neste contexto, a xefatura da Policía Local confirmou hoxe que xa están esgotadas todas
a citas dispoñibles para os meses de xaneiro e febreiro, de xeito que non será posible
asignar quendas ata que se coñezan que días visitará esta unidade A Estrada no mes de
marzo.
En xaneiro o servizo estará instalado na Praza da Constitución o vindeiro mércores, día
21. Despois de atender aos 30 cidadáns citados, a unidade trasladarase novamente á
capital estradense tres días de febreiro, todos eles completos: 3, 4 e 19. Das 90 persoas
que serán atendidas, 30 solicitaron a renovación ou emisión do pasaporte (13 para o día
3 de febreiro; 9 para o 4 e outras 8 persoas para o día 19) e 60 acoden polo DNI.
Cómpre lembrar que, aínda que inicialmente o Vehículo Integral de Documentación da
Policía Nacional visitaba a capital estradense dúas veces ao mes, a alta demanda
recomendou programar tres visitas mensuais.
Para facer uso do servizo os interesados teñen que chamar á Policía Local da Estrada, no
teléfono 986 570 898, ou acudir de xeito presencial ata as súas dependencias, na Praza
da Feira, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Tramitada a documentación, a expedición é
agora inmediata, de xeito que en apenas 10 minutos os cidadáns saen co seu carné ou o
seu pasaporte na man. Isto axiliza moito a xestión con respecto ao servizo
anterior,ademais de facilitar este trámite administrativo aos veciños da Estrada, que
tiñan que trasladarse ata outras localidades se querían recibir o documento no mesmo
día.
Lembrar tamén que A Estrada conta dende finais do ano pasado co servizo do Punto de
Actualización de Documentación (PAD) na Casa das Letras. Nel é posible realizar xestións
como a renovación do certificado dixital, cambiar o contrasinal do DNI dixital ou anular a
sinatura dixital, entre outros trámites.







































