Promocionará este atractivo o mércores no stand do Ministerio de
Agricultura, Pesca e Alimentación e, o xoves, no de Galicia.
Representantes do sector viaxarán a Madrid para respaldar a
exposición.
“Queremos que a sidra na Estrada sexa un baluarte económico para A
Estrada os 365 días do ano”, sinala o alcalde.
A sidricultura estradense estará tamén referenciada na presentación do
proxecto “Caminos de la Sidra”, no stand de Turismo Asturias.
O Concello da Estrada aposta este ano pola
presentación da Ruta da Sidra na edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que
arranca este mércores en Madrid. O percorrido, que une a tradición local do cultivo da
mazá e da elaboración da sidra coa indubidable vertente turística que se asocia a este
sector, será presentado tanto no stand do Ministerio de Agricultura, Pesca e
Alimentación (MAPA) como no de Galicia.
Deste xeito, a primeira das presentacións será no espazo do referido ministerio o
mércores pola tarde, reservando a segunda para o stand de Galicia, o xoves ao mediodía.
Nas dúas exposicións será o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen se encargue de
expoñer a aposta que no municipio se está facendo por unha ruta que será
completamente sinalizada neste 2026.
“Queremos que a sidra na Estrada sexa un baluarte económico para A Estrada os 365
días do ano, podendo coñecer os distintos momentos da mazá, ademais de permitir aos
visitantes unha conexión coa natureza, co noso turismo rural e tamén con todo o noso
patrimonio histórico e cultural”, sinalou o rexedor estradense.
Gonzalo Louzao apuntou que esta é a primeira vez que a sidricultura estradense se leva a
FITUR e puxo o acento en que esta é “unha aposta polo turismo da sidra, non só porque
A Estrada sexa a capital da sidra no noroeste peninsular, senón tamén porque
presumimos da nosa Feira da Sidra e do peso que ten o sector da mazá ecolóxica e a
proliferación de lagares no noso territorio”.
Dende os sector confirmouse hoxe a presenza de varios representantes na presentación
que se fará o xoves. Ademais, nesta mesa xornada o Concello da Estrada estará
referenciado no stand de Turismo Asturias, onde será presentado o proxecto “Caminos
de la Sidra”, no que se integra o municipio estradense.
50 quilómetros
O percorrido, duns 50 quilómetros, está pensado para realizar en coche e discorre entre
pomares, lagares e elementos patrimoniais. A ruta parte da casa consistorial da Estrada,
diríxese cara Aguións e cruza o río Liñares pola Ponte Nogueira, onde xa comezan a
aparecer os primeiros pomares. Continúa por Moreira, Ancorados, Agar, Olives,
Pardemarín, Ribela e Callobre, entre outras parroquias, salpicada de antigas plantacións
que testemuñan a longa tradición sidreira destas terras.
Con máis de 280 quilómetros cadrados, A Estrada foi desde sempre unha terra propicia
para o cultivo da mazá. Moitas familias lembran como este froito se aproveitaba nas
casas para elaborar sidra, e os lagares antigos que aínda se conservan dan boa mostra de
que esta tradición non foi importada, senón herdada. A revitalización de toda esta
tradición fixo florecer plantacións, lagares e unha Feira da Sidra que celebrará este ano a
su décimo terceira edición.







































