“Escanciar na Estrada non é un hábito de adopción, senón unha mostra
de tradición”, sinala o alcalde, Gonzalo Louzao.
“Necesitabamos un fío que cosa todo este patrimonio: ese é o cometido
da Ruta da Sidra”, di ao referirse á fonda tradición do cultivo da mazá e
á revitalización de cultura sidreira local.
Aplaude durante o discurso o acertada que foi a aposta do sector
estradense por amparar os seus pomares coa certificación ecolóxica:
“hoxe A Estrada ostenta o récord europeo na produción de mazá
ecolóxica para sidra”.
A pretensión é que a sinalización da ruta estea lista para a vindeira Feira
da Sidra.
“Gustaríame aproveitar hoxe este escaparate
internacional do turismo que é FITUR para presentar un proxecto que leva anos
xermolando, medrando e florecendo no noso municipio: a Ruta da Sidra”. Con estas
palabras comezou este mediodía o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, a
presentación deste percorrido turístico no espazo expositivo correspondente a Galicia.
O Concello da Estrada escolleu o lema “Unha tradición que medra, un futuro que
fermenta” para dar a coñecer unha Ruta da Sidra chamada a converterse no fío que cosa
a tradición local do cultivo da mazá e da elaboración da sidra co aproveitamento do
potencial e tirón turístico que demostra ter este sector.
“Escanciar na Estrada non é un hábito de adopción, senón unha mostra de tradición”,
dixo Louzao. O rexedor aproveitou esta reflexión para sinalar a fonda tradición que o
cultivo da mazá e da elaboración de sidra teñen na Estrada. Lembrou de seguido que,
máis de dúas décadas atrás, comezou a revitalizarse este legado coa proliferación de
pomares en todo o territorio.
“Xurdiu tamén o asociacionismo entre os produtores locais, que adoptaron a sabia
decisión de apostar por que a mazá que medra na Estrada o faga ao abeiro da
certificación ecolóxica”, subliñou o alcalde, antes de presumir ante todos os presentes
das máis de 120 hectáreas que plantacións de maceiras en produción existentes neste
municipio ou dos arredor de 2 millóns de quilos de mazá que se recollen nas boas
campañas e que se destinan á elaboración da sidra.
Logo de sinalar que A Estrada ostenta o récord europeo na produción de mazá ecolóxica
para sidra, o alcalde destacou que toda esta produción fornece mazá para a exportación,
pero tamén materia prima para abastecer os lagares locais que se crearon nestes anos,
moitos deles recuperando unha antiga experiencia familiar. Falar de lagares levou a
Gonzalo Louzao a referirse á Feira da Sidra, “un evento que converteu á Estrada na
capital galega da sidra e en referente para o noroeste peninsular». “Cada ano son
milleiros de litros de sidra os que se catan e en cada edición pulverízanse todas as
marcas, tanto de lagares presentes como de público asistente”, presumiu o rexedor.
“Entenderán que tendo unha tradición que medra e un futuro que fermenta,
necesitamos un fío que cosa todo este patrimonio: ese é o cometido da Ruta da Sidra”,
explicou o alcalde estradense. Foi despois cando puxo o acento en que, experiencias
doutras comunidades e países poñen de manifesto que “a sidricultura ten unha vertente
turística innegable”. “A Estrada non pode deixar pasar a oportunidade de aproveitala”,
apostilou.
Gonzalo Louzao avanzou a intención de que a Ruta da Sidra estea marcada para a
vindeira edición da Feira da Sidra da Estrada. Animou aos presentes, entre os que se
atopaban integrantes do sector estradense, a desfrutar os diferentes momentos que
marca o propio proceso produtivo. “Non hai por que escoller: veñan gozalos todos”,
concluíu







































