Servizos Sociais leva seis meses probando esta nova fórmula, que confire
maior liberdade e capacidade de administración aos beneficiarios.
O Concello da Estrada entrega cada mes vales por 10, 20 e 50 euros a
cada unidade familiar, sumando diferentes importes segundo as súas
circunstancias.
Estes cupóns nominativos poden ser cambiados por alimentos, produtos
de hixiene ou bazar no supermercado Froiz. A única prohibición son as
bebidas alcohólicas.
A administración realiza un traballo de seguimento e control, a través da
entrega dos resgardos de compra.
“O resultado é moi bo. Estamos contentos destes seis meses. Penso que se
respecta moito máis a intimidade dos usuarios, que van mercar o que
precisan e cando o necesitan”, apunta Amalia Goldar.
En xuño de 2025 o Concello da Estrada, a través do
seu departamento de Servizos Sociais, fixo a última entrega de alimentos no marco do
programa que vén prestando dende o ano 2012 a familias sen recursos económicos ou
que atravesan unha situación de emerxencia. Dende o mes de xullo, a concellería que
dirixe Amalia Goldar cambiou este sistema de distribución pola entrega de vales de
diferentes importes que poden ser cambiados nun establecemento local. Transcorridos
seis meses desta experiencia, o balance é completamente positivo e a experiencia terá
continuidade. A administración municipal está axudando actualmente a través desta
programa a unha vintena de usuarios.
“Está funcionando moi ben, tanto para os usuarios como para a xestión administrativa”,
recoñeceu Amalia Goldar. Sinalou a concelleira que para probar este sistema se creou no
departamento de Servizos Sociais unha instrución interna que seguen os traballadores e
que regula completamente a prestación. “Temos un acordo co Supermercado Froiz, que
era o único que nos ofrecía este sistema, e os usuarios acoden co vale e mercan
exactamente o que precisan. Menos alcohol, está permitido comprar calquera tipo de
produtos, tanto de alimentación como de hixiene ou bazar”, detallou.
Os vales son nominativos e son entregados unha vez ao mes. A cantidade que recibe
cada unidade familiar varía en función das propias características da familia, valorando
cuestións como se hai menores, se hai persoas con discapacidade ou se existe algún tipo
de enfermidade, entre outros factores.
Maior intimidade
“O resultado é moi bo. Estamos contentos destes seis meses. Penso que se respecta
moito máis a intimidade dos usuarios, que van mercar o que precisan e cando o
necesitan”, apuntou Amalia Goldar. Indicou que estes vales dan maior independencia ás
familias beneficiarias e tamén lles permiten xestionar o seus gastos e axustalos ás súas
necesidades reais.
A concelleira de Servizos Sociais apuntou que, igual que se entregan os vales unha vez ao
mes, dende o Concello se realiza un labor de seguimento e control. De feito, os usuarios
fan entrega dos resgardos das compras realizadas o mes anterior. “Temos que dicir que
a data de hoxe non houbo ningún problema. A xente trae o seus resgardos, nós podemos
aconsellar algo puntual pero eles teñen esa independencia de ir ao supermercado como
calquera e administrarse”, engadiu.
Os vales, que se están entregando a sete unidades familiares, que representan 20
persoas beneficiarias, teñen importes variados de 10, 20 e 50 euros. Cómpre sinalar que
cada un deles tense que cambiar pola cantidade íntegra.
Seis meses
“Non é un recurso ilimitado”, apuntou a titular de Servizos Sociais. A duración desta
prestación municipal de alimentos, destinada a usuarios sen ingresos, ten un período
máximo se seis meses. Acadado este prazo, o Concello fai unha revisión da situación
familiar, podendo prorrogarse esta axuda. “En canto hai ingresos ou chega un traballo,
isto vaise suprimindo”, precisou a concelleira. Apuntou que os usuarios están
renunciando motu propio a esta axuda cando comezan a percibir algún ingreso
económico.
Ademais, de maneira excepcional, puntual e sempre baixo criterio técnico, poderase
acceder a esta axuda como medio para sufragar unha situación de emerxencia. Para
estes casos, Servizos Sociais do Concello da Estrada dispón de vales ao portador por 10
euros, que se entregan no número que se estime oportuno tras o estudo de cada
situación concreta.
NOTA DE PRENSA
CONCELLO DA ESTRADA
GABINETE DE COMUNICACIÓN comunicacion@aestrada.gal
Ana Cela Neira 669 645 345
Co novo funcionamento do servizo xa establecido, a intención do Concello é incorporar o
seu funcionamento ao novo Regulamento de Emerxencia Social que se pretende
aprobar ao longo deste 2026.






































