Blanco Carracedo sinala que o traballo político nestas contas está
rematado dende setembro, pero que se adiou a presentación a
consecuencia dos últimos cambios de persoal que afectaron ao
departamento de Intervención.
A cifra inicial do orzamento supón un incremento do 10% con respecto a
2025.
As contas municipais preséntanse esta noite ao pleno do Consello
Económico e Social e á Mesa Local de Comercio. 
O concelleiro estradense de Economía e Facenda,
Alberto Blanco, confirmou hoxe que será o venres (20.00 horas), no marco dunha
comisión informativa de Facenda e Especial de Contas, cando goberno e oposición
municipal se senten a debater sobre o proxecto de orzamentos para o presente exercicio
económico.
Blanco indicou que os concelleiros que forman parte desta comisión dispoñen dende o
pasado venres da información detallada sobre as contas municipais que o executivo
configurou para 2026, se ben será no marco deste encontro no que o goberno explicará
as liñas fundamentais e a filosofía desta proposta de orzamentos. Esta será presentada
esta noite ao pleno do Consello Económico e Social e á Mesa Local de Comercio e tamén,
o propio venres (12.00 horas) á Mesa de Negociación.
“Con respecto ao proxecto, no que é a súa parte política, este grupo de goberno tiña no
mes de setembro os números preparados, pero diversas circunstancias impediron que
se puidese convocar a comisión ata este momento”, explicou o edil estradense de
Facenda. “Estas circunstancias foron o cese, tras o cumprimento do prazo máximo
establecido para interinos, da anterior interventora, o que nos obrigou a tomar medidas
de urxencia. Tivemos que acudir a un interventor acumulado, ao que lle agradecemos
todo o traballo que fixo, pero sen ter a posibilidade de sacar realmente adiante os
informes deste orzamento”, continuou. “Temos agora unha interventora que fixo o
paquete documentario que conleva un orzamento municipal e por fin podemos traer
estes orzamentos á súa presentación”, engadiu.
Blanco Carracedo detallou que o venres irán a comisión uns orzamentos cunha cifra
inicial de 19.456.000 euros, que supoñen un incremento do 10% con respecto ao ano
2025. “É un orzamento que, como non pode ser doutra forma, tenta cubrir todas as
necesidades ordinarias e todos os servizos públicos básicos, incrementado partidas
importantes, tanto nos servizos públicos de propia competencia como os que
impropios”, sinalou.
Servizos básicos
A prestación e mantemento dos servizos públicos básicos requiren para o Concello da
Estrada un gasto de 6.676.078 euros. Deste montante, preto de dous millóns de euros
(máis de 1.853.000 euros) están destinados a seguridade e orde pública, tanto a través
do servizo da Policía Local (963.322), como do de Protección Civil (385.535) e o de
prevención e extinción de incendios (504.158).
O detalle dos orzamentos recolle tamén partidas que fan falta para cubrir a prestación
de servizos tan básicos como o abastecemento domiciliario de auga potable (384.036
euros); a recollida de residuos (899.132) ou o tratamento destes últimos (outros 600.000
euros). Para iluminación pública resérvanse 1.064.426 euros en 2026.
Gasto social
Outra parte importante do orzamento vai dirixida ás actuacións de protección e
promoción social ou, o que ben sendo o mesmo, aos programas de Servizos Sociais. Este
gasto volve medrar este ano, situándose xa en 4.280.044 euros. Nesta liña, o concelleiro
de Economía e Facenda sinalou o incremento que volve experimentar a partida
destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que superará os 1,7 millóns de euros,
fronte aos 400.000 que tiña no ano 2011.
As contas municipais para 2026 reservan tamén distintos capítulos de gasto en bens
públicos de carácter preferente, cun total de 3.307.103 euros. Así, en materia de
Educación figuran 1.347.371 euros en conxunto para o funcionamento de centros
docentes de educación Infantil, Primaria e Secundaria, así como para entidades
formativas como Conservatorio e a Escola de Música.
Investimento real
Os investimentos reais que programa acometer o executivo estradense tamén se ven
sensiblemente incrementados. As contas recollen máis dun millón de euros neste
capítulo
Aclarou Alberto Blanco que os fondos europeos, en base ao consello do departamento
de Intervención, non se incorporarán ao orzamento.
“É un orzamento que se axusta á realidade municipal: ver cales son as necesidades do
Concello da Estrada e ver como se cobren, e todo ilo mantendo o equilibrio
orzamentario que establece a normativa”, concluíu o concelleiro.






































