O regreso da degustación á Praza da Constitución e a aposta por manter
o ambiente festivo durante toda a xornada consolidáronse como grandes
acertos, capaces de ateigar as rúas durante toda a xornada.
Coas racións esgotadas, un balance inicial fai que se valore un salto
cuantitativo que achegue a degustación ás 7.000 racións.
O Concello da Estrada fixo hoxe un balance moi positivo
da 52ª edición da Festa do Salmón, que veu confirmar o renacer que está
experimentando a celebración gastronómica por excelencia do municipio, con máis de
medio século de historia. O éxito do novo formato aplicado a esta festa leva ao Concello
a pensar xa en propoñer á hostalería a necesidade de aplicar un novo salto cuantitativo
que incremente a degustación popular, eixo central da celebración.
Dende o goberno local estímase que o cambio de formato iniciado en 2025, coincidindo
co primeiro ano da segunda metade de século da festa, supuxo un auténtico punto de
inflexión para a Festa do Salmón. A edición deste ano ratifica que a celebración avanza
polo bo camiño, reforzando un modelo pensado para adaptar a festa ás novas demandas
de veciñanza e visitantes sen perder a súa esencia.
Neste contexto, o regreso da degustación á Praza da Constitución e a aposta por manter
o ambiente festivo durante toda a xornada consolidáronse como grandes acertos. A
degustación popular prolongouse onte cun animado tardeo e coa posterior actuación
da orquestra París de Noia, facendo que a vila gozara dun gran ambiente mantido
durante todo o día. “O novo formato conecta co que o público agarda da Festa do
Salmón”, sinalou o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán.
O éxito da edición quedou reflectido tamén na histórica implicación do sector hostaleiro,
que acadou, con 18 participantes, a cifra máis alta de participación rexistrada ata o
momento. Este forte compromiso traduciuse nun incremento notable da capacidade da
degustación popular pero, aínda así, as racións remataron por esgotarse.
Neste senso, Durán explicou que na edición anterior fixéronse 5.500 racións, que non
chegaron a esgotarse. Valorando xa este incremento, este ano contábase con case
6.000, pero a boa resposta do público fixo que arredor das 14.00 horas moitos
restauradores quedaran xa sen existencias. “Isto fainos pensar, nunha primeira
valoración, na necesidade de incrementar aínda máis e achegarnos o ano que vén á cifra
das 7.000 racións”, sinalou Durán.
Os horarios da distribución das racións e o funcionamento da venda anticipada serán
cuestións que terán que estar sobre da mesa nas valoracións máis detidas e na
programación cos hostaleiros. “Estamos ante unha cifra récord que evidencia o
crecemento sostido da celebración, ao que teremos que dar resposta”, apuntou o
concelleiro.
“A resposta do público durante todo o día demostra que a Festa do Salmón é unha
celebración viva, que medra e evoluciona sen perder a súa identidade”, declarou o
alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono. O rexedor quixo sumarse ao primeiro balance
desta edición para agradecer a elevada participación cidadá e o compromiso amosado
pola hostalería, considerando que o éxito do modelo iniciado en 2025 senta as bases
para continuar traballado na consolidación dunha celebración “que mira ao futuro con
ilusión e ambición”.
Acerto no pregón e nos recoñecementos
Tanto o alcalde como o concelleiro de Promoción Económica coincidiron en sinalar
tamén a resposta cidadá que houbo na parte máis institucional da festa, cun Teatro
Principal cheo para escoitar o pregón e asistir á imposición das insignias Salmón de Ouro.
Sinalaron a emotividade e o sentido do humor que houbo tamén nesta vertente da festa,
estimando o acerto na elección de Fernando Romay como pregoeiro. “Protagonizou un
pregón próximo, emotivo e con moitas pinceladas de humor, que penso que conectou
moi ben co público e que deixou imaxes para o recordo”, apuntou o alcalde, aludindo
tamén neste punto ao sentido do humor do que fixo gala o conselleiro de Educación,
Román Rodríguez.







































