ABERTO O TRÁMITE PARA CONTRATAR A OBRA QUE AMPLIARÁ ASUPERFICIE E OS XOGOS NO PARQUE INFANTIL DE FIGUEIROA

 A Xunta de Goberno Local dá luz verde ao inicio do expediente de
licitación.
 O proxecto contempla a expansión da soleira existente, a renovación das
lousas da zona de recreo infantil e a incorporación de novos xogos na
superficie de ampliación.
 O recinto do parque pasará dos 116 metros cadrados actuais a situarse
preto dos 180.

A Xunta de Goberno Local (XGL) deu na súa sesión de
hoxe luz verde ao inicio do procedemento para a adxudicación do contrato para a
execución das obras previstas no proxecto de ampliación e mellora do parque infantil
de Figueiroa, no tramo final da Avenida de Santiago. Trátase dunha dotación encadrada
nunha zona que gañou moita poboación nos últimos anos e que ten un carácter
estratéxico para o ocio dos máis pequenos, na medida en que é un espazo situado a
carón do CEIP Figueiroa e moi próximo á Escola Infantil Municipal.
A infraestrutura existente foise quedando pequena co paso dos anos e o goberno local
aposta pola súa ampliación, dentro das posibilidades que ofrece o solar no que se
encadra. Con este fin, destinaranse algo máis de 52.000 euros, obtidos a través dunha
baixa do plan +Provincia.
O parque ten actualmente unha superficie de xogo de 116 metros cadrados. Con este
proxecto, a intención do Concello e engadirlle outros 60 metros, de xeito que a área
destinada ao ocio infantil se achegue aos 180 metros cadrados.
A iniciativa contempla a ampliación da soleira existente e a instalación de novas lousas
homologadas na totalidade da superficie que se empregará para instalación de
elementos de xogo. Ademais de conservar as pezas existentes que se atopen en bo
estado ou de realizar algunha mellora que estes elementos poidan precisar,
incorporaranse novas estruturas para a diversión dos usuarios deste parque. Estes novos
elementos colocaranse na zona de ampliación.

O acordo da Xunta de Goberno abre agora o trámite administrativo necesario para a
adxudicación das obras. Cando se coñeza xa a empresa que executará os traballos, o
prazo recollido no proxecto para realizalos é de dous meses.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.