O concelleiro de Deportes, Ismael Pena, presenta unha nova edición dun
programa polo que pasaron no último ano máis de 800 persoas.
O Concello contempla bonificacións (non acumulables) do 25% sobre a
cota trimestral para familias numerosas, monoparentais ou para a
segunda actividade do mesmo alumno/a.
O concelleiro estradense de Deportes, Ismael Pena,
presentou este mediodía o programa completo para as Escolas Deportivas Municipais
no curso 2026-2027, unha oferta que desta volta ofrecerá aos estradenses un total de
14 escolas, dirixidas tanto ao alumnado infantil como a adultos.
Pena concretou que o obxectivo deste programa municipal non é outro que promover a
actividade deportiva estre a veciñanza, favorecendo o acceso e mellora no
desenvolvemento deportivo nas disciplinas ofertadas. O concelleiro sinalou que na
última convocatoria foron máis de 800 as persoas participantes, de xeito que estas
escolas se converten nunha actividade fundamental para o tecido deportivo local.
Con respecto ao curso pasado, son baixa nesta oferta as escolas de balonmán e fútbol
sala. As inscricións nas 14 restantes quedan abertas hoxe mesmo e ata o vindeiro venres
25 de setembro. A matrícula terá que facerse a través dos contactos de cada unha das
escolas. Cómpre lembrar que o número mínimo de participantes para que se poña en
marcha a actividade será de 10 alumnos.
Así, durante a primeira semana de outubro está previsto que arranquen as sesión
correspondentes ás escolas deportivas de Ciclismo, Natación, Ximnasia, Pádel, Judo,
Kárate, Patinaxe e Hóckey, Xadrez, Tenis, Bádminton, Baloncesto, Hípica, Taekwondo e
Esgrima.
En canto aos prezos, a cota xeral será de 36 euros por trimestre para alumnos de 4 a 14
anos, sendo a dos adultos (a partires de 15) de 60 euros trimestrais. O Concello
contempla bonificacións (non acumulables) do 25% sobre esta cota para familias
numerosas, monoparentais ou para segunda actividade do mesmo alumno/a.
A información específica de cada escola pode consultarse na páxina web municipal ou
na cartelaría que se adxunta.





































