ARRANCAN EN CODESEDA AS OBRAS DUNHA MELLORA EN DÚAS FASESPARA A CONTORNA DA CARBALLEIRA DA SAGRADA

 O espazo, antes pertencente ao Arcebispado, pasou a ser propiedade do
Concello da Estrada despois do proceso de concentración parcelaria.
 Constrúen unha vía que mellore o acceso ás vivendas que dan cara a
carballeira e permita ordenar o tránsito rodado neste espazo de valor
natural e patrimonial.
 Nunha segunda etapa será o Obradoiro de Emprego o que se centre na
parte natural do recinto.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
desprazouse ata a parroquia de Codeseda para comprobar, xunto co arquitecto técnico
do Concello e responsables da empresa adxudicataria, a primeira fase das obras de
mellora na contorna da Carballeira da Sagrada.
O rexedor lembrou que este recinto era antes propiedade do Arcebispado de Santiago
de Compostela e agora, en resposta á petición veciñal e despois dos trámites realizados
no marco do proceso de concentración parcelaria, quedou como propiedade do
Concello da Estrada.
Sinalou Louzao que se estes días arrancou a primeira de dúas actuacións importantes
para a posta en valor desta carballeira. “Agora estase facendo unha parte de obra dura
no que corresponde ao acceso ás vivendas situadas fronte á carballeira”, resumiu o
mandatario. Con cargo a unhas baixas de 2024, a empresa COVSA iniciou xa a
construción dunha vía que cumprirá un dobre obxectivo: facilitar o acceso a estes
inmobles e ordenar o tránsito rodado na zona.
O acceso a estas vivendas viña practicándose a través de vías de zahorra que, con
meteoroloxía adversa, complicaba o tránsito. Estes días iniciouse a construción dunha
vía de formigón que, en consideración coa contorna natural e patrimonial, terá unhas
características determinadas ao servizo da súa integración. Será un formigón lavado en
tons ocres, cunha anchura de tres metros e pegado á fachada das vivendas. Será un
acceso necesario para estas vivendas que teñen fronte cara este espazo natural e tamén
permitirá ordenar o tráfico pola contorna, de xeito que os vehículos non pasen pola
carballeira e prexudiquen a conservación e valor da zona verde.
Ademais, o alcalde visitou outro punto da actuación, xa que a empresa realizará unha
mellora do firme tamén nunha vía moi próxima ao recinto e que atravesa o Camiño da
Geira e dos Arrieiros.
Co Obradoiro de Emprego
Os traballos de mellora da contorna da Carballeira da Sagrada continuarán, despois,
cunha segunda fase de intervención a través do Obradoiro de Emprego. Ademais da
realización de podas e de plantar árbores que foron secando co paso do tempo,
actuarase na mellora da parte verde máis degradada (precisamente polo paso dos
vehículos). Botarase nova terra e sementarase nova herba.
“A combinación destas dúas intervencións farán que teñamos unha Carballeira da
Sagrada máis coidada e ordenada, tamén cun mellor acceso ás vivendas para os
veciños”, sinalou o alcalde.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.