O CONCELLO DA ESTRADA ANTICÍPASE E ACTIVA OS PREPARATIVOSPARA PROCURAR UNHA CAMPAÑA DE NADAL “POTENTE”

 O municipio estradense vén constatando o tirón turístico e económico
destas festas e buscará aproveitar as sinerxías entre distintos
departamentos e entidades.
 Ornamentación e dinamización serán clave á hora de deseñar o
programa.
 A vindeira semana arrancará con reunións con diferentes expertos en
decoración e iluminación.

Cos termómetros chegando aínda aos 30 graos, no
Concello da Estrada xa se fala de Nadal. “Temos que adiantarnos se queremos ter un
Nadal potente”, resumiu o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, que puxo
o acento en o estradense non é un municipio alleo ao tirón turístico e económico que
teñen estas festas tan sinaladas do ano.
“Se queremos un Nadal potente, como o destes últimos anos, con unha decoración á
altura da cantidade de xente que nos visita por estas datas; cunha boa iluminación e cun
programa de actividades que contribúa, non só a goce destas xornadas tan especiais,
senón tamén á dinamización económica e comercial, temos que comezar a traballar
dende xa”, considerou Durán.
O concelleiro explicou que a vindeira semana arrancará xa con reunións con empresas
dedicadas á iluminación festiva e con profesionais do ámbito da decoración, citas que
terán que acompañarse con sesións de traballo co departamento de Cultura e tamén
cos representantes do comercio de proximidade do municipio, buscando configurar
todo un paquete para aproveitar o empuxe dunhas festas que cada ano parecen
adiantarse máis no calendario.
“Temos que empezar a valorar as distintas opcións dende o punto de vista ornamental
para vivir un bo Nadal nas rúas da Estrada, pero tamén analizar como podemos
aproveitar sinerxías entre distintos departamentos e entidades co obxectivo de que os
estradenses teñan a mellor oferta festiva e cultural e un sólido atractivo para que se faga
no municipio o consumo propio destas datas”, apuntou Óscar Durán.
Con moitas ideas sobre a mesa pero sen querer aínda avanzar ningunha, nestas
primeiras reunións comezará a perfilarse xa como será a aposta decorativa do Nadal
2026, para a que Durán anticipou que se agardan cambios.
Tamén se afinarán detalles como a data na que se pensa facer o acendido da iluminación
ou que tipo de motivos poderían elixirse para a ocasión. Dende o Concello ponse o
acento en que hai dúas apostas que se manterán seguro: a potenciación da Cabalgata
de Reis, sen dúbida un dos días máis concorridos do ano na capital estradense, e a que
Papá Noel preside na tarde do 24 de decembro, unha cita que gaña participantes e
realce en cada edición.
Nos últimos anos o Concello da Estrada sumou á súa programación de Nadal un acto de
acendido, ao que se lle vén aportando unha vertente social e más emotiva. En 2025
incorporouse a esta cita un carácter solidario, promovendo unha colaboración a prol da
asociación Asanog.
No último Nadal foron un total de 116 arcos luminosos os que se instalaron nas
diferentes rúas e aos que se sumaron outros 302 elementos de iluminación. Moitos
deles foron colocados en puntos como a Praza da Constitución, a Praza de Galicia, a
Porta do Sol, Praza da Inmaculada, Praza da Feira ou Praza do Mercado, entre outros.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.