A ESTRADA DESTINARÁ OS MÁIS DE 200.000 EUROS DO PLAN DEINFRAESTRUTURAS DEPORTIVAS Á REFORMA DAS PISTAS DE TENIS

O Concello da Estrada continúa coa mellora das
súas infraestruturas deportivas. Despois das obras realizadas nas piscinas municipais, no
campo de fútbol Manuel Regueiro e das que moi pronto arrancarán no Novo Municipal,
o alcalde estradense desvelou hoxe que os fondos da cuarta convocatoria do Plan de
Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra serán destinados
integramente á remodelación das pistas de tenis.
O mandatario indicou que o proxecto está concibido en dúas fases. A primeira delas, con
máis de 200.000 euros de investimento, suporá unha mellora integral das tres pistas
existentes na Zona Deportiva, reservándose para unha segunda etapa cubrilas para
sacarlles un maior rendemento cando as condicións meteorolóxicas xogan en contra.
Deste xeito, o proxecto previsto agora contempla a retirada do céspede antigo e a súa
substitución por unha superficie de céspede artificial de última xeración, elaborado para
garantir o óptimo rendemento deportivo.
Os traballos para a colocación desta nova herba artificial incluirán a limpeza da
superficie, coa revisión de drenaxes e granulometría; estendido dos rolos, pegado das
xuntas, inserción das marcaxes, recheo con area de sílice, cepillado e redistribución da
area.
Con código
O proxecto tamén inclúe a substitución do peche perimetral destas instalacións
deportivas e a mellora e acondicionamento dos accesos. Neste último senso,
implementarase un control de acceso dixital, de xeito que os usuarios entren ás pistas
de tenis valéndose dun código que se lles proporcionará no momento de aboar a reserva
de uso das instalacións.
A día de hoxe, reservar unha pista de tenis no Concello da Estrada ten un prezo de 1,54
euros por hora sen luz e 2,26 euros por hora no caso de que se faga uso do sistema de
iluminación.
As pistas de tenis municipais son empregadas tres días á semana, entre os meses de
outubro e xuño, polos alumnos da correspondente Escola Deportiva Municipal. A
maiores, as instalacións son reservadas esporadicamente por clubs de tenis e están
abertas a usuarios de acceso libre, que representan unha media dunhas 20 persoas por
día ao longo de cada semana na que se pode considerar, por cuestións meteorolóxicas,
a tempada alta (de abril a outubro). A maiores, en xullo e agosto estas tres pistas acollen
cada día aos participantes no Campus Deportivo de Verán.
O alcalde estradense asegurou que a segunda fase desta reforma permitirá dar resposta
a unha antiga demanda dos usuarios destas pistas: cubrilas para que esta práctica
deportiva quede salvagardada nos meses de inverno, ampliando as posibilidades de
xogo e adestramento.
Novo Municipal
Por outra banda, o Plan de Infraestruturas Deportivas foi destinado, na súa terceira
convocatoria, á mellora do tapete e da iluminación do campo de fútbol Novo Municipal.
Os traballos supoñen un investimento de 390.000 euros e agárdase que queden
completados nos vindeiros meses.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.