Serán o luns nos locais sociais de Cereixo (18.00 horas) e Loimil (20.30).
A escolla das parroquias responde á súa situación intermedia, para
posibilitar a asistencia de veciños das 14 parroquias estradenses
afectadas por este proxecto.
Técnicos de Tysgal acudirán a ámbolos dous encontros para informar
aos afectados e poñer ao seu dispor modelos de alegación.
Concretan que os recursos poderán presentarse ata o 20 de outubro.
Esta liña pasa por 58 aldeas do municipio.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, confirmou
xa a convocatoria de dúas reunións cos veciños afectados polo trazado previsto no
proxecto da Liña de Alta Tensión (LAT) que Unión Fenosa Distribución promove entre as
subestacións de A Estrada e Paizás (Silleda). Netes encontros os representantes
municipais estarán acompañados por técnicos de Tysgal, a empresa especializada que
contratou o Concello para formular as alegacións que se estimen pertinentes.
Celebraranse o vindeiro luns, 21 de setembro, nos locais sociais de Cereixo e Loimil.
A escolla das parroquias responde á súa situación intermedia, para posibilitar a
asistencia de habitantes das 14 parroquias estradenses afectadas por este proxecto.
Tanto Cereixo como Loimil son, ademais, das zonas con máis aldeas polas que pasa o
tendido e nalgunhas delas coa maior proximidade ás vivendas. O primeiro encontro será
no local social de Cereixo, ás 18.00 horas. O segundo será no local do palco de Loimil, ás
20.30.
Os técnicos de Tysgal ofrecerán aos veciños toda a información dispoñible e resolverán
as dúbidas que poidan xurdir. Ademais, ofrecerase á cidadanía modelos de alegacións
para participar no procedemento que está aberto. Neste senso, dende a empresa
confirmouse que os particulares terán ata o 20 de outubro para formalizar os seus
posibles recursos.
Esta liña de alta tensión de 66 Kv tería a súa orixe na subestación eléctrica da Estrada e
o seu destino na de Paizás, no veciño municipio de Silleda. Transcorrería
maioritariamente en aéreo, con cadanseu tramo subterráneo para a conexión coas
subestacións e un tramo adicional para o cruce do Camiño do Santiago. Sería un total de
21.664 metros, contemplándose 87 apoios metálicos de celosía.
A liña transcorre por 16 parroquias, das cales 14 pertencen ao Concello da Estrada e
outras dúas ao de Silleda. No caso da Estrada discorrería polas parroquias de San Paio
da Estrada, A Somoza, Agar, Cereixo, Curantes, Guimarei, Lagartóns, Lamas, Loimil,
Orazo, Ouzande, Remesar, Rubín e Tabeirós. En Silleda, as afectadas serían Cira e
Dornelas.
A información publicada permite observar que o trazado desta LAT A Estrada-Paizás
pasaría por un total de 62 núcleos rurais, dos que 58 serían aldeas da Estrada.
• A Estrada: O Regueiro e A Estrada.
• A Somoza: A Carballeira e Os Sureiros.
• Agar: Pepe, A Pedreira, Penalobeira, Valiñas, O Outeiro.
• Cereixo: A Igrexa, Constenla, Os Piornos, Pernaviva, Mollarrabo.
• Curantes: Curantes Novo, A Rocha, Cortes.
• Guimarei: Soutiño, Campos, A Torrevella, Portacartas, Gudín, San Xiao, O
Cogoludo, Xerlís, A Cruz, A Mañenza, A Portela.
• Lagartóns: O Outeiro, O Sabugueiro, Trasdomuro, Os Tatos, O Monte, O
Mollarrabo.
• Lamas: O Carballal.
• Loimil: Pardellas, Loimil, A Sobreira, Penaporrín, Riomao, Chenlos, Loimil do
Carballo.
• Orazo: Vendexa e Barro.
• Ouzande: O Redondo, O Formigueiro, As Cachopas, Alemparte, Penerada.
• Remesar: O Rego.
• Rubín: A Igrexa, A Veiga da Braña, O Bede, Berbigueira, Os Balseiros, O Barro,
Pazos.
• Tabeirós: Sandán.
A liña subterránea estaría conformada por tres tramos. O primeiro parte da subestación
da Estrada, con 360 metros. O segundo tramo sería de 919 metros, para o cruce da
N-525 e a Vía da Prata. O terceiro tramo subterráneo tería unha lonxitude de 215
metros, chegando ata a posición da subestación de Paizás.
A liña aérea divídese, á súa vez, noutros dous tramos: un de 18.792 metros de lonxitude,
con 80 apoios; e un segundo de 1.381 metros, con outros sete apoios metálicos.
A documentacióng recolle que na contorna de 500 metros do proxecto viven un total de
1.240 persoas, máis a parte proporcional do núcleo urbano da Estrada, que se sitúa no
extremo oeste. Sinálase que o número de vivendas no radio de 500 metros do núcleo
da Estrada é moi reducido con respecto ao global. No que respecta ao ámbito máis
próximo ao proxecto existen 143 habitantes censados nas poboacións situadas nun
radio de 200 metros.



































