No manancial de Espiño II a mellora e limpezas realizadas permiten
recuperar un caudal de 130 metros cúbicos diarios.
Na traída de Codeseda gañáronse 12 metros cúbicos por xornada, case
un 30% do consumo nestes meses de verán.
Agárdase que a achega aos depósitos por parte destes mananciais sexa
meirande cando cheguen as chuvias.
Óscar Durán incide na importancia de manter un uso responsable neste
momento de seca e altas temperaturas.
O consumo continúa entre os 3.200-3.300 metros cúbicos diarios
O Concello da Estrada completou a optimización
de dous mananciais, unha actuación de mantemento que vén reforzar a rede pública de
abastecemento de auga tanto ao casco urbano como á parroquia de Codeseda. O
concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, precisou que estes traballos veñen
realizándose dende hai meses e que, mesmo nun momento de seca como o actual,
supoñen xa un aporte de 142 metros cúbicos de auga cada día.
Ademais de distribuír no casco urbano a auga procedente da Estación de Tratamento de
Auga Potable (ETAP) de Parada e tomada no curso do río Umia, aos depósitos municipais
de Penerada chega auga procedente de varios mananciais. En dous deles, Espiño I e
Espiño II, realizouse un importante labor de limpeza e mellora. Deste xeito, foron
precisas intervencións como a reparación de tubaxes ou a construción de arquetas que
aseguren que non se produzan perdas intermedias.
No caso concreto do manancial Espiño II, as melloras que se estiveron practicando
permitiron recuperar un caudal de 130 metros cúbicos ao día, agardando que esta
cantidade de auga que agora entra a maiores nos depósitos de Penerada se vexa
incrementada coa chegada das condicións meteorolóxicas propias do outono.
Estes mesmos traballos de optimizado estiveron realizándose en Codeseda. No caso
desta traída, a intervención permitiu recuperar 12 metros cúbicos diarios nestes meses
de estío, un caudal que aínda se percibe máis importante cando se toma en
consideración que se corresponde case co 30% do consumo nesta traída rural, situado
nos meses de verán nos 40 metros cúbicos por xornada.
Óscar Durán puxo o acento en que todas estas necesarias actuacións supuxeron un
traballo intenso en zonas de monte, coa dificultade parella de localización de tubaxes,
retirada de maleza e raíces.
En relación ao consumo actual de auga na traída estradense, Durán sinalou que se
mantén entre os 3.200 e 3.300 metros cúbicos diarios, uns niveis habituais para o verán
“Agora debería comezar a baixar para quedarse nos 2.800 metros cúbicos que
habitualmente temos fora da tempada estival”, apuntou o responsable de Servizos
Municipais.
Aínda poñendo en valor a obtención deste caudal para a liña do abastecemento público
pola vía dun mellor mantemento dos mananciais, Durán quixo aproveitar hoxe a ocasión
para facer unha chamada á responsabilidade no consumo de auga, atendendo ás
condicións de seca a altas temperaturas que aínda se manteñen.
Batida nocturna
Noutra orde de cousas, dende o Concello infórmase de que, precisamente aproveitando
estas semanas de bo tempo, se realizará unha nova batida nocturna destinada á
localización de pequenas fugas de auga na rede de abastecemento. Óscar Durán
explicou que esta é unha iniciativa que se realiza con certa periodicidade por parte das
brigadas municipais de Obras e pola empresa á que o Concello da Estrada lle ten
encargada a xestión das plantas de Parada e Penerada.
Segundo detallou o concelleiro, este traballo de campo permite (cunha máquina,
ultrasón e levantando as arquetas) valorar onde se poden estar producindo fugas de
baixo caudal que son difíciles de percibir en horario diúrno.




































