O Departamento de Cultura resolveu a convocatoria tras revisar e
valorar as 41 solicitudes presentadas.
A contía das axudas concedidas ascende a 110.977 euros, dos que xa
foron abonados 83.232,75 euros, correspondentes ao 75% prepagable
establecido nas bases.
A axuda media sitúase próxima aos 3.000 euros, con contías que oscilan
entre os 328 e os 4.750 euros.
O Departamento de Cultura do Concello da Estrada
resolveu a convocatoria de subvencións destinada a contribuír á promoción e impulso
de eventos e actividades culturais nas parroquias, coa concesión dun total de 40 axudas
por un importe global de 110.977 euros.
A convocatoria recibira 41 solicitudes, presentadas por colectivos veciñais de distintas
parroquias do municipio. Tras completar a revisión da documentación e a
correspondente valoración das peticións de acordo cos criterios establecidos nas bases,
o departamento que dirixe Lucía Seoane deu luz verde á concesión das axudas a 40
entidades.
A contía das subvencións concedidas sitúase nunha media próxima aos 3.000 euros por
entidade, aínda que os importes se adaptang ás características e necesidades dos
diferentes eventos e actividades. A axuda máxima concedida é de 4.750 euros, mentres
que a mínima ascende a 328 euros.
A única solicitude que non resultou beneficiaria corresponde a un colectivo que non
figuraba dado de alta no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia no momento en
que presentou a solicitude, un requisito establecido expresamente nas bases da
convocatoria.
Cómpre lembrar que estas axudas teñen un carácter prepagable do 75%, polo que o
Concello xa procedeu a aboar 83.232,75 euros ás asociacións e comisións beneficiarias.
O importe restante, correspondente ao 25% (27.744,25 euros), está pendente da
presentación e comprobación das correspondentes xustificacións, nos termos e prazos
establecidos nas bases.
A convocatoria establece un importe máximo de 5.000 euros por entidade, fronte aos
3.000 euros da convocatoria de 2025. Cada solicitude tramitada podía incluír un ou
varios eventos ou actividades culturais desenvolvidos na parroquia correspondente.
Entre os criterios tidos en conta para a valoración das solicitudes figuraron, entre outros,
o número de días de festa na parroquia, as sesións e verbenas anuais, a contratación de
grupos locais, a programación de animación infantil de balde, a asistencia de público, a
antigüidade da festa, a repercusión cultural do evento, o número de espectáculos
incluídos ou a existencia dun punto violeta de atención contra o acoso e as agresións
sexuais.
As axudas están destinadas a sufragar gastos vinculados á realización dos eventos, como
os cachés de grupos ou artistas, seguros, publicidade, alugueiro de megafonía,
iluminación e infraestruturas, palcos ou tarimas e outros gastos de organización.
Con esta convocatoria, o Concello da Estrada mantén o seu apoio á programación
cultural promovida polos colectivos das parroquias, facilitando a organización de
actividades e eventos que contribúen á dinamización da vida cultural e social do
municipio.



































