A retirada de terra e vexetación deixa ao descuberto un antigo lavadoiro
e unha calzada no lugar de Trasmonte, así como unha fonte e un camiño
empedrado en Moreira.

Os traballos realizados polo alumnado-traballador do
Obradoiro de Emprego A Estrada Emprega Foresta permitiron deixar ao descuberto e
poñer en valor diversos elementos vinculados á paisaxe tradicional e á memoria local
que permanecían ocultos pola vexetación e a acumulación de terra.
No lugar de Trasmonte, na parroquia de Barbude, os labores de limpeza e roza
completáronse coa retirada de terra, deixando á vista un lavadoiro tradicional e unha
antiga calzada, que permanecían parcialmente ocultos. A actuación permitiu recuperar
a visión destes elementos e facilitar o seu coñecemento e conservación como parte da
paisaxe e do patrimonio etnográfico local.
Tamén en Moreira, os traballos desenvolvidos polo alumnado permitiron deixar ao
descuberto unha fonte e un camiño empedrado, recuperando así parte dun espazo que
permanecía cuberto pola vexetación e contribuíndo á posta en valor destes elementos
vinculados aos antigos usos e itinerarios veciñais.
Estas actuacións forman parte dos traballos desenvolvidos polo Obradoiro de Emprego,
que combina a formación e capacitación profesional do alumnado con actuacións de
mellora, limpeza e acondicionamento de espazos públicos e naturais do municipio.
Os participantes no A Estrada Emprega Foresta estiveron tamén dedicados nas últimas
semanas na mellora de espazos como as contornas dos centros educativos, a Praza e
Carballeira da Feira ou a Rúa da Cultura. Deste xeito, ademais de mellorar o estado dos
patios e zonas de xogo nos colexios, tamén acondicionaron un atallo que dá acceso á
parte posterior do colexio Pérez Viondi, moi empregado polas familias que acoden a
este centro. Ademais de limpar o camiño e todo o lateral do campo de fútbol existente
neste patio, acondicionouse un muro e unha condución de auga.
O plan de actuación deste Obradoiro de Emprego tamén contempla para estas semanas
a roza na contorna do centro de saúde de Souto de Vea, antes de encamiñar
intervencións na zona de Codeseda, entre outras iniciativas.



































