UN ACTO DE IRMANDADE COA FESTA DO SALMÓN, NO PROGRAMA DOFESTIVAL PASABODEGHAS DE SARANDÓN PARA ESTE SÁBADO

 A iniciativa porá en valor a tradición gastronómica e vitivinícola de
ambas as dúas beiras do Ulla e servirá para promocionar a festa
estradense no marco dunha cita dedicada á música tradicional e á
cultura galega.
 Ademais de ambientación propia da festa, con máis de medio século de
historia, distribuiranse 4.000 pinchos para degustar o prato estrela da
gastronomía estradense.

O Concello da Estrada promocionará esta fin de
semana a súa Festa do Salmón no veciño municipio de Vedra, no marco dunha nova
edición do festival de música tradicional e cultural galega Pasabodeghas, que se celebra
en San Miguel de Sarandón. A iniciativa incorpora este ano un acto de irmandade coa
Festa do Salmón, proposta coa que se busca estreitar lazos entre dous territorios unidos
pola proximidade xeográfica, polo río Ulla e por unha tradición gastronómica e cultural
que forma parte da súa identidade.
O Pasabodeghas naceu coa vontade de recuperar espazos tradicionais para o encontro
e a convivencia, aproveitando os recursos que ofrece a contorna, desde as eiras e os
camiños ata as adegas. Nesta edición, na que as festas de interese turístico terán un
protagonismo especial, o festival abre as súas portas á celebración estradense cunha
proposta que combina promoción turística, cultura e gastronomía.
O acto de irmandade terá lugar na Adega de Daviña, ás 18.00 horas. Para a ocasión, o
espazo contará con elementos visuais que contribuirán a recrear a ambientación propia
da Festa do Salmón.
“Será un irmanamento co salmón da Estrada e o viño da Ulla”, explicou o alcalde,
Gonzalo Louzao, quen puxo o foco no carácter simbólico deste encontro entre dúas
tradicións vinculadas a territorios veciños. Por unha banda, a pesca do salmón, que
historicamente se potenciou na Estrada e que converteu o chamado rei do río nun dos
produtos máis representativos da gastronomía local; pola outra, o cultivo da vide nas
terras da Ulla, incluídas na subzona vitivinícola Ribeira da Ulla da Denominación de Orixe
Rías Baixas.
Ademais, no marco desta simbólica Festa do Salmón, en Vedra poderá degustarse este
sábado unha das expresións máis recoñecibles da cociña estradense, coa distribución de
4.000 pinchos do prato protagonista dunha celebración que conta con máis de medio
século de historia.
Deste xeito, esta irmandade entre o Pasabodeghas e a Festa do Salmón brindará a
ocasión de destacar os vínculos entre ambas as dúas beiras do río e reivindicar o valor
dos produtos locais como elementos de identidade e recursos para a promoción
turística.
A través desta colaboración, a Festa do Salmón terá presenza nun festival que aposta
pola recuperación das tradicións, pola posta en valor do patrimonio cultural e polo
aproveitamento dos espazos tradicionais como lugares de encontro.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.