O CONCELLO ANALIZA O PROXECTO DUNHA GASOLINEIRA NA BAIUCAE PON OS SERVIZOS TÉCNICOS A AVALIAR POSIBLES ALEGACIÓNS

 O alcalde sinala que o expediente foi asignado hoxe aos técnicos
municipais para estudar a afección ás infraestruturas públicas da
contorna, amosando especial preocupación pola Escola Infantil.
 O goberno anima a veciñanza a participar no trámite de información
pública aberto pola Consellería de Medio Ambiente ata o 22 de outubro.

O Concello da Estrada atópase seguindo moi de
preto o proxecto presentado pola empresa Urban Strada SL para a instalación dun novo
servizo de subministro de combustible na zona da Baiuca, cuxa documentación
permanece actualmente en exposición pública e pode consultarse a través do portal da
Consellería de Medio Ambiente.
Coñecida a intención da empresa promotora e tras atender ao longo do día de hoxe
numerosos veciños e veciñas da contorna que manifestaron a súa inquedanza, o
Concello asignou esta mesma mañá o expediente aos servizos técnicos municipais. O
obxectivo é realizar un exame detallado do proxecto e determinar a posibilidade de
presentar alegacións municipais que protexan os servizos públicos e o interese xeral.
En palabras do alcalde da Estrada, o Goberno local está «moi pendente de informarse e
de informar á cidadanía sobre todos os detalles deste proxecto». «Comprendemos
perfectamente a preocupación veciñal, especialmente pola proximidade de
equipamentos tan sensibles como a Escola Infantil. Por iso, os nosos técnicos xa están
analizando a documentación ao detalle para valorar a formulación de alegacións»,
sinalou o rexedor.
Así mesmo, dende o Concello lémbrase que o trámite de avaliación ambiental
autonómico permanece aberto ata o vindeiro 22 de outubro. O alcalde animou á
poboación e aos colectivos afectados a participar activamente neste proceso. «É o
momento de que a cidadanía presente as alegacións que considere convenientes. É
fundamental para que o trámite aberto poida recoller todas as consideracións e teña en
conta todos os enfoques e sensibilidades antes de tomar unha decisión», dixo.
Así mesmo, dende o Concello sinalouse que a tramitación deste tipo de instalacións vén
determinada por un marco normativo estrito no que a marxe de actuación
administrativa está vinculada ao cumprimento da legalidade. Nese sentido, subliñouse
que a prioridade do Concello é ser máximo esixente no control técnico para garantir que
calquera actuación respecte de xeito escrupuloso a normativa vixente e o benestar na
contorna.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.