O CONCELLO ADVIRTE DE IMPORTANTES CARENCIAS NOSPROXECTOS EÓLICOS NESA MONTE ARCA NORTE E MONTE ARCA SUR

 A administración estradense recibiu esta mañá o informe técnico que
encargou á empresa especializada Tysgal e que será remitido agora á
Consellería de Medio Ambiente.
 O Concello ten colgada dende o 1 de outubro toda a información e
documentación relativa a estes proxectos na súa páxina web para
facilitar a consulta por parte dos interesados.
 Hoxe mesmo recibiu un modelo de alegación, que se facilita tamén á
veciñanza a través do portal municipal. O prazo remata o 12 de
novembro.

O Concello da Estrada recibiu a primeira hora desta
mañá o informe técnico elaborado pola empresa especializada Tysgal sobre os proxectos
eólicos Nesa Monte Arca Norte, Nesa Monte Arca Sur e as súas infraestruturas de
evacuación. Analiza a documentación ambiental presentada polas promotoras e identifica
numerosas cuestións que, ao seu xuízo, precisan dunha avaliación máis completa e rigorosa.
Cómpre aclarar que o acordo polo que se someten a información pública estes proxectos
eólicos entre os concellos da Estrada e Cuntis foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG)
o pasado 30 de setembro. O Concello da Estrada contactou de seguido coa devandita
empresa especializada para que realizase unha análise técnica independente das posibles
afeccións ambientais e territoriais e xa dende o 1 de outubro publicou na súa páxina web
toda a documentación recibida para que puidese ser consultada por todas as persoas
interesadas.
Xunto co informe técnico, o Concello recibiu tamén hoxe un modelo de alegacións dirixido
á veciñanza, que quedará publicado hoxe mesmo na páxina web municipal para que poida
ser empregado polos afectados que queiran participar no trámite de participación en curso.
O prazo remata o vindeiro 12 de novembro.
No tocante a informe técnico que se presentará dende o Concello da Estrada perante ao
Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas do Departamento Territorial de
Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o documento identifica
unha serie de afeccións que considera insuficientemente avaliadas. “A documentación
presentada pola promotora resulta insuficiente como para aportar resultados concluíntes e
garantistas, dada a falta de información, estudo e análise de varios aspectos relevantes”,
sinálase.
Un dos aspectos que analiza o informe é a proximidade das instalacións aos núcleos de
poboación. O documento identifica once núcleos da Estrada situados a menos de dous
quilómetros dos aeroxeradores proxectados: Bargo, Alberiñas, A Carballeira, Chan de
Aldea, Vila de Abaixo, Castro Ramiro, O Cruceiro, Nodar, Xustín, Arcapedriña e A Goleta.
Indica que iso incumpre as determinacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o
Reto Demográfico (MITERD) no documento Alcance de estudio de impacto ambiental de
proyecto de parque eólico terrestre” (2020) “onde se sinala que deben evitarse as
alternativas de parques eólicos e subestacións a menos de 2 km de núcleos habitados, áreas
con usos sensibles (residencial, sanitario, docente ou cultural) ou vivendas”.
O informe que presentará o Concello tamén recolle que, segundo a ferramenta de
Zonificación Ambiental do MITERD, dous dos aeroxeradores do P.E. Nesa Monte Arca Norte
(A01N e A02N) e un dos aeroxeradores do P.E. Nesa Monte Arca Sur (A03S) atópanse na
zona de sensibilidade ambiental moderada. Ademais, os A03N e A03S atópanse a menos de
50 metros da zona de sensibilidade ambiental máxima, onde non é recomendable a
ubicación dos aeroxeradores. “Por tanto, practicamente a metade dos aeroxeradores
planificados incumpren as recomendacións do MITERD”, indícase.
O informe tamén chama a atención sobre a necesidade de completar o estudo das
captacións de auga, un estudo acústico completo e un estudo pormenorizado do impacto
social e cultural, entre outros.
Rapa das Bestas
Outro dos puntos destacados do informe vai en relación ás infraestruturas de evacuación e
o seu impacto na Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada Ben de Interese Cultural (BIC)
como patrimonio cultural inmaterial. “A liña eléctrica de alta tensión proxéctase na zona de
pasto dos cabalos salvaxes e na área delimitada proposta para o BIC A Rapa das Bestas de
Sabucedo. A promotora non analizou a afección sobre os cabalos salvaxes e sobre o
patrimonio cultural e natural catalogado. Nin tampouco valorou a afección sinérxica co P.E.
Touriñán III-2”, recóllese.
Ademais, o documento recibido hoxe e que será enviado a Medio Ambiente tamén inclúe
entre as súas estimacións que os parques eólicos e a infraestrutura de evacuación afectan a
varios espazos designados no PXOM de A Estrada: Área de interese paisaxístico Arca, Área
de interese ambiental Somoza e zonas limítrofes, Área de interese ambiental Ribeira Fluvial
do Río Umia e Área de interese ambiental Piornedo de Enviande. Estímase que a promotora
non identifica nin avalía as repercusións sobre estes espazos naturais con valores
paisaxísticos e ambientais.
ENLACE DOCUMENTACIÓN PUBLICADA O 1 DE OUTUBRO NA WEB MUNICIPAL:
Documentación para consulta novos parques eólicos Nesa Monte Arca Norte e Sur –
Concello da Estrada
ENLACE MODELO DE ALEGACIÓN NA WEB DO CONCELLO
Modelo de alegación parques eólicos Nesa Monte Arca Norte, Nesa Monte Arca Sur e as
súas infraestruturas de evacuación – Concello da Estrada

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.