Circo no Camiño: unha xira de espectáculos de circo galego encherá de maxia e humor o outono en Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela

O outono chega cargado de talento galego coa posta en marcha de Circo no Camiño, un novo proxecto cultural que reunirá algunhas das propostas máis divertidas e sorprendentes das artes escénicas galegas. Da man de Troula, Mago Teto, Culturactiva e Educateatro, esta iniciativa percorrerá Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela cunha programación pensada para todos os públicos con diferentes formatos de rúa e baixo unha auténtica carpa de circo.

 

Dende o 12 de novembro e ata o 6 de decembro, Circo no Camiño ofrecerá unha ampla variedade de espectáculos nos que o circo, a maxia, o clown, a música e o humor serán os grandes protagonistas. Esta proposta para toda a familia permitirá ao público descubrir a riqueza e a diversidade do circo galego, achegando a cultura durante varias datas en cada localidade e facendo da tempada de outono-inverno unha oportunidade para vivir as artes escénicas de preto.

 

A programación contará con nomes e propostas recoñecidas que xirarán ao redor da gran Gala de Circo do Camiño, unha gala exclusiva que contará coa participación de algunhas  das mellores compañías de circo galegas e internacionais do momento. Conducida polo gran pallaso Fifo, contará cos aéreos e acrobacias da Frick Company, con Sue Moreno no trapecio, co humor de Javi Javichy, cos malabares de Noel, os equilibrios dos Forzu2 e o clown de Jano Sen Medidas.

 

Un dos artistas destacados será tamén o popular Mago Teto, que combinará ilusión, música e humor no seu espectáculo Galerock & Magic. Troula encherá as rúas de animación e personaxes sorprendentes, e Culturactiva Producións porá o humor gastronómico co espectáculo Máis Saaabor. A xira incluirá tamén outras propostas como Tavole, da compañía Zirko Txosko, ou a música de Uxía Lambona e a Banda Molona.

 

Circo no Camiño nace coa vontade de sumar esforzos entre compañías e produtoras galegas para ofrecer unha programación diversa, accesible e de calidade, capaz de conectar con públicos de todas as idades. Unha iniciativa que reivindica o valor das artes escénicas como espazo de convivencia e que aposta polo talento galego para encher de cultura os meses máis fríos do ano.

 

As actuacións desenvolveranse en Verín, do 12 ao 15 de novembro; Lalín, do 20 ao 22 de novembro; A Estrada, do 27 ao 29 de novembro; e Santiago de Compostela, do 3 ao 6 de decembro.

 

Os abonos para os espectáculos, e a programación completa, están dispoñibles na web circonocamiño.gal  

 

Este proxecto conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.