A ESTRADA RENOVA O COCHE ELÉCTRICO COMPARTIDO, O CUARTODENDE QUE SE IMPLANTOU O MODELO MUNICIPAL DE ‘CARSHARING’

 O programa Vive de Hyundai conta actualmente con 125 usuarios do
municipio estradense rexistrados, que teñen esta alternativa de
mobilidade e que “a están empregando de xeito moi intenso”.

O Concello da Estrada renovou hoxe, da man de
Hyundai o seu coche eléctrico compartido, o cuarto dende que se apostou pola implantación
dun modelo municipal de carsharing rural, en febreiro de 2023. No acto participaron o
alcalde, Gonzalo Louzao, o xerente de Hyupersa, Sergi Sánchez, e o axente de Hyundai na
Estrada, Víctor Louzao.
O rexedor sinalou que a renovación frecuente dos vehículos vén afianzar a aposta do
Concello por favorecer a mobilidade nun municipio eminentemente rural. Sinalou que este
turismo eléctrico emprégase durante unhas horas da mañá para os desprazamentos da
unidade de Servizos Sociais, estando o resto da xornada a completa disposición dos veciños
que teñan descargada a aplicación do Plan Vive de Hyundai.
Louzao Dono remarcou tamén a importancia de que esta alternativa de mobilidade sexa a
través dun vehículo eléctrico, con cero emisións e que tamén brinda a oportunidade para
que os cidadáns coñezan o funcionamento deste tipo de turismos.
Pola súa banda, Sergi Sánchez sinalou que Hyupersa continúa confiando na Estrada para
seguir aproximando á poboación rural “unha alternativa de mobilidade con cero emisións”.
Sinalou que o programa conta actualmente con 125 usuarios do municipio estradense
rexistrados, “que teñen este servizo e que o están empregando de xeito moi intenso”.
“Estamos cumprindo o obxectivo de dar un servizo na nosa zona de responsabilidade e
traballo, achegando solucións que realmente sexan prácticas no día a día”, apuntou.
O tempo medio de reserva do vehículo varía en función do tipo de usuario, dende cidadáns
que solicitan acceder ao coche para empregalo unha ou dúas horas ata outros que fan uso
del durante toda a xornada.
O novo vehículo recibido hoxe mantén o modelo do anterior, cambiando a cor polo negro.
É un Hyundai Inster 100% eléctrico, con 350 quilómetros de autonomía en estrada e uns 400
circulando por casco urbano. Para empregalo é preciso darse de alta na aplicación Vive
Hyundai, cumprimentando o cuestionario e aportando a documentación que se require. En
canto á tarifa por uso, é de 5 euros por hora, cun prezo máximo de 20 euros no caso de que
o usuario o alugue para todo o día.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.