Educación colaborará con Aspanaes para apoiar a familias e alumnado con autismo nas novas instalacións da entidade na Estrada

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe as dúas aulas de Educación Especial que a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes) vai habilitar na Estrada nun local que ten previsto cederlle o Concello. Na súa visita, na que tamén participaron o alcalde, Gonzalo Louzao, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, o titular do departamento educativo da Xunta abordou co presidente da entidade, Ignacio Labella, as vías de colaboración para que estas aulas de atención á diversidade estean a disposición do alumnado que o precise, se así o elixen as familias.

Román Rodríguez explicou que se trata dun proxecto piloto que vai permitir a descentralización de servizos de atención á diversidade, co obxectivo “de achegalos ás familias, facilitando a conciliación”, sinalou. A previsión é que as dúas aulas, que poderían escolarizar arredor de 10 alumnos, entren en funcionamento o vindeiro curso 2027/28, para o que Aspanaes está agora a realizar as tarefas de acondicionamento das instalacións, sitas nos antigos xulgados, para posteriormente acometer o equipamento das mesmas.

O conselleiro explicou que a Consellería xa colabora coas diferentes instalacións educativas especializadas das que dispón Aspanaes en diferentes puntos de Galicia. O obxectivo é ofrecer ás familias diferentes opcións educativas axustadas ás necesidades dos seus fillos, ben sexa a través de escolarización en centros ordinarios, na que Galicia é referente a nivel estatal co 94,2% do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado; ben mediante recursos de escolarización combinada, como as Aulas Senda, ou ben a través de centros de Educación Especial.

Neste sentido, Román Rodríguez, destacou o traballo de Aspanaes nos últimos anos, “fundamental para favorecer a inclusión do alumnado”, e agradeceu ao Concello da Estrada a súa boa disposición a colaborar para facer realidade esta iniciativa.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.