O acto de acendido está programado para as 19.00 horas e estará
acompañado de pasacalles, espectáculos e unha programación especial.
As familias apoiadas pola Fundación Andrea serán as encargadas de
premer o botón que acenderá máis de medio millón de luces micro LED
para adornar capital estradense.
Por terceiro ano consecutivo, o Concello da Estrada
prepárase para estampar un selo solidario ao momento no que se prenden as luces de
Nadal. O goberno que encabeza Gonzalo Louzao Dono vén apostando por aproveitar o
acendido do alumeado que vestirá de cor as rúas da capital estradense durante estas festas
para facer un chamamento á empatía e á contribución con diversas causas, avogando por
que tanto o acto en si como os fins solidarios teñan aos máis pequenos da casa como
protagonistas. Desta volta o Nadal comezará a brillar na Estrada o venres 27 de novembro
e serán familias coas que colabora a Fundación Andrea as encargadas de premer o botón
para que toda a vila quede iluminada.
Louzao Dono foi o encargado de revelar hoxe a decisión de que este ano sexa a Fundación
Andrea a protagonista do acto de acendido, que está programado para o devandito día ás
19.00 horas.
Unida á memoria de Andrea e ao espírito de superación e exemplo de loita que ela deixou,
esta fundación ten como finalidade a atención e o apoio económico, moral, informativo ou
de calquera outra natureza ás familias que, contando con escasos recursos económicos,
teñan que coidar dos seus fillos durante as enfermidades de longa duración, crónicas ou
terminais que estes poidan padecer, facilitándolles solucións e axudas áxiles ante situacións
de carencias inmediatas.
As persoas que se sumen ao acendido poderán colaborar, se así o desexan, co labor que
desenvolve esta entidade, que estará representada pola súa presidenta, Charo Barca, e por
familias da zona que teñen recibido ou reciben a axuda desta fundación. O xeito escollido
para canalizar esta colaboración explicarase nos vindeiros días, se ben xa se adianta que
haberá tamén unha fila cero para favorecer a participación daquelas persoas que non teñan
ocasión de achegarse o vindeiro 27 de novembro.
O lugar dende o que se realizará o acendido será outro dos detalles que se reservan para
estes días, tendo en conta que este ano o foco de maior interese repartirase entre a Praza
da Constitución e a Praza de Galicia, lugar no que se instalará a maior árbore de luces da
historia do Nadal estradense, con 22 metros de altura.
Pola súa banda, a Praza da Constitución estreará un cambio no modelo de ornamentación,
estreando unha que busca facer que o Nadal na Estrada tamén se viva de día. Estará
inspirada nunha estética máis tradicional, con grilandas, elementos vexetais, adornos en
tons vermellos e dourados e árbores decoradas. Será unha decoración que se integre na
parte arquitectónica do consistorio e do palco da música, que compartirán unha linguaxe
decorativa e que estarán unidos por un Bosque de Nadal coa casa de Papá Noel. Está
previsto que toda esta montaxe arranque mañá.
Antes do acendido
O acto de acendido do alumeado de Nadal será unha xornada moi especial na Estrada. Antes
de que se prema o botón que iluminará a chegada destas festas na vila, Troula Animación
encherá de ambiente as rúas con pasacalles dende as 18.00 horas coa inspiración do seu
espectáculo “O estraño caso do dentista da Rúa Brasov”. Isto marcará tamén a chegada do
Circo no Camiño, que durante a fin de semana do 28 e 29 de novembro estenderá a súa
carpa de maxia, circo e música na Estrada.
Pero o seu non será o único espectáculo. O venres, unha hora despois de acender as luces
de Nadal, a International Ballet Company chegará ao Teatro Principal para ofrecer “El lago
de los cines”, coa música do compositor Piotr Ilich Tchaikovsky.
O Concello da Estrada remitirá a todos os centros educativos do municipio unha invitación
para animar a todo o alumnado a sumarse ao acendido do Nadal, co desexo de que
participen e sexan os primeiros en gozar da irrupción destas festas tan especiais á vila e
compartan o cariz solidario que lle quere dar á súa chegada.
Este Nadal A Estrada contará con 13.000 metros cadrados de superficie iluminada, 119 arcos
e 262 elementos de luz. Será máis de medillón millón de micro LED para conformar a
estampa destas festas nas rúas estradenses.




































