A ESTRADA CAMBIA A GALA DO DEPORTE PARA AMPLIAR O AFORO EPRESENTAR O NOVO MÓDULO Á FAMILIA DO DEPORTE LOCAL

 O evento trasladarase a finais de xaneiro e ao novo módulo anexo ás
pistas de atletismo.
 A nova localización permitirá case duplicar as localidades dispoñibles e
dar a coñecer o módulo multideporte, en primeiro lugar, á comunidade
deportiva estradense.

Dende hai anos, a Gala do Deporte vén
acompañando a chegada do Nadal á Estrada. É unha cita que procura un recoñecemento
público que o Concello, a través do seu Departamento de Deportes, brinda a clubs e
deportistas estradenses e que, habitualmente, se fai coincidir co luns previo ao 25 de
decembro. Porén, este ano a cita chegará con cambios, comezando pola propia data e o
lugar de celebración. Co obxectivo de gañar aforo e de presentar o novo módulo anexo ás
pistas de atletismo, en primeiro lugar, á familia do deporte local, a gala celebrarase cara
finais do mes de xaneiro e nesta nova infraestrutura deportiva.
O Teatro Principal adoita ser o espazo escollido para esta gala. Con todo, esta céntrica
instalación presenta o inconveniente de que limita o aforo a menos de 400 persoas.
Concretamente, cada ano póñense a disposición 370 entradas, se ben só un cento se
habilitan para o público en xeral. O ano pasado esgotáronse as localidades dispoñibles en
menos de 48 horas e quedou moita xente fóra.
Cómpre sinalar que á Gala do Deporte está convidada cada ano unha representación dos 36
clubs deportivos existentes no municipio. O evento conta con premios en 10 categorías, cun
total de 30 candidaturas. A eles hai que engadir o premio á traxectoria e as mencións
especiais. Para os acompañantes de cada unha das persoas aspirantes ao galardón resérvase
unha serie de invitacións, de xeito que quedan para acceso libre unhas 100 entradas. Isto
explica que en cada edición se esgoten en pouco tempo as localidades e quede moita xente
sen poder asistir á gala.
A celebración da Gala do Deporte será tamén a presentación en sociedade do módulo
cuberto multideporte. A previsión é que isto permita case duplicar o aforo (entre 700 e 800
localidades). Ademais, a pretensión do goberno é que sexa a propia familia deportiva local
a primeira en coñecer e utilizar a nova infraestrutura .
“O deporte na Estrada é prioridade. O deporte é saúde, é familia, son amigos e son valores.
E a familia do atletismo e as artes marciais vai estrear unha nova casa na Estrada e imos ser.
todos os da comunidade deportiva os que acompañen este momento”, sinalou hoxe o
alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.
As instalacións permitirán dotar de servizos as propias pistas de atletismo, cubrindo
necesidades como os vestiarios, aseos, almacéns de material ou o propio ximnasio.
Contando cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, este módulo multideporte virá
facilitar na Estrada un espazo específico para a práctica de atletismo totalmente cuberta,
dando a oportunidade de que os adestramentos e as competicións de determinadas
disciplinas poidan realizarse mesmo con condicións meteorolóxicas adversas.
Deste xeito, terán foso de area a cuberto e pistas para poder practicar salto con pértega,
salto de lonxitude ou probas de velocidade e vallas. Isto fará deste módulo unha dotación
idónea de carácter complementario para as pistas ao aire libre inauguradas hai dous anos,
de tal maneira que nestas instalacións se poidan programar competicións e concentracións
técnicas de alto nivel.
Na planta semisoto deste módulo multideporte habilitarase unha ampla zona
especificamente pensada para as distintas disciplinas de artes marciais, caso do judo, o
karate ou o taekwondo, que agora mesmo están desprazadas, por falta dun recinto propio,
ás instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.