O instituto estradense inaugura o 16 de novembro unha exposición, planta un bidueiro na honra do autor e organiza unha conferencia sobre a súa figura e a súa obra

O IES Manuel García Barros conmemorará o vindeiro luns, 16 de novembro, o 150 aniversario do nacemento do escritor estradense Manuel García Barros (Berres, 1876 – Callobre, 1972). Con esta xornada, o centro abre un programa de actividades que se desenvolverá ao longo do curso para lembrar a figura do autor e dar difusión á súa obra e ao seu legado cultural.
Os actos comezarán ás 10:20 horas coa inauguración da exposición «Manuel García Barros; vida, obra e pensamento», cedida polo Concello da Estrada, que percorre a biografía do escritor. Ao acto asistirá unha representación do Concello.
A continuación, a comunidade educativa plantará un bidueiro no recinto do instituto, xunto ás árbores xa dedicadas a outras dúas figuras das nosas letras: a oliveira de Xosé Neira Vilas, e a figueira de Rosalía de Castro, plantada o curso pasado. A escolla non é casual: o bidueiro é unha árbore ligada á obra de García Barros e tradicional na parroquia de Berres, onde naceu o escritor, e a súa madeira empregouse historicamente no labor artesán, na elaboración de zocas e apeiros.
Ás 12:45 horas, o alumnado de 1.º de Bacharelato e 3º de PDC asistirá a unha conferencia sobre a figura do escritor, o seu compromiso galeguista e a súa obra, a cargo de Carlos Loureiro e Xoán Carlos Garrido, dous bos coñecedores do autor e antigos profesores do instituto.
Carlos Loureiro Rodríguez, profesor de Lingua e Literatura Galega, é autor do estudo Manuel García Barros: vida, obra e pensamento e, xunto con Xesús Domínguez, «Dono», editou dous volumes da obra do escritor en Galaxia: A pluma insubmisa (2019) e Sonoridade das auras. Poesía reunida (2022).
Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965), profesor de Filosofía e investigador, publicou Manuel García Barros. Loitando sempre (Fouce, 1995) e Manuel García Barros (Fervenza, 2002), ademais de traballos sobre o pensamento de Castelao e o galeguismo da posguerra.
A ilustradora Rosa de Cabanas cedeu xenerosamente ao centro o retrato do escritor que protagoniza o cartel e os materiais de difusión do aniversario. O IES Manuel García Barros agradece a súa colaboración, así como a do Concello da Estrada e a dos dous relatores.
Manuel García Barros (1876–1972)
Mestre, xornalista e escritor, Manuel García Barros, «Ken Keirades», naceu en Berres o 16 de novembro de 1876. Formado en Maxisterio en Santiago de Compostela, exerceu como mestre nacional ata que foi separado definitivamente do ensino en 1940, tras o golpe de 1936. Estivo vinculado ao agrarismo, ás Irmandades da Fala e ao Grupo Nós, mantivo unha estreita amizade con Ramón Otero Pedrayo e participou en 1925, con Castelao, na excursión ao Pico Sacro. Autor de Contiños da terra (Nós, 1930) e de Aventuras de Alberte Quiñoi, foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1957. Desde 1989, o Concello da Estrada convoca na súa memoria os Premios García Barros.















































