ARRANCA A MONTAXE DA NOVA DECORACIÓN DE NADAL PARA APRAZA DA CONSTITUCIÓN

O Concello da Estrada ten xa en marcha a montaxe
dunha escenografía de Nadal que aposta por dar un cambio na ornamentación que
habitualmente acompañaba a chegada destas festas en enclaves tan destacados como a
Praza da Constitución. O obxectivo, como se ten avanzado, é unha renovación estética da
decoración, cunha imaxe máis cálida, tradicional e entrañable, que combine a iluminación
con novos elementos ornamentais para crear unha ambientación que se poida desfrutar
tanto de día como de noite.
Aínda que os traballos comezaron no interior xa este luns, as condicións meteorolóxicas
complican a actuación no exterior. Con todo, esta mañá xa se puideron aproveitar os
momentos de tregua que deu a chuvia para comezar coa decoración do palco da música e
coas primeiras montaxes para configurar o Bosque de Nadal que conectará este
emblemático elemento patrimonial coa casa consistorial, na que se replicará o mesmo
discurso decorativo.
Estes primeiros traballos xa empezan a poñer de manifesto que se aposta por unha estética
máis tradicional, con grilandas, elementos vexetais, adornos en tons vermellos e dourados
e árbores decoradas.
De igual xeito, a montaxe en exterior tamén marcou o comezo da instalación da casa de
Papá Noel, unha construción que se enmarcará no Bosque de Nadal. Este terá unha
superficie aproximada de 70 metros cadrados e varias árbores, unha delas completamente
decorada e que acada os seis metros de altura. Non faltará a tradicional caixa de correo para
que os nenos e nenas poidan depositar as cartas de Nadal.
A nova ornamentación chega tamén marcada por un respecto e realce da arquitectura do
palco da música e do edificio do Concello, dous elementos patrimoniais protexidos. A
ornamentación da Casa do Concello integrará e realzará os seus arcos, balcóns e elementos
característicos, sen ocultar a pedra.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.