Tan só levamos 5 meses a cargo do A Estrada Futsal e parece que levemos toda a vida… A pesar dos esforzos necesarios que conleva sacar a diante un proxector deportivo, cun «pedir» constante, estamos contentos e agradecidos pola resposta que estamos palpando cara o traballo que desenvolvemos por parte dos afecionados e empresas colaboradoras.
Este 2013 foi o ano do nacemento deste proxecto, que dende o principio foi un reto, comezando pola configuración da plantilla e seguindo por conseguir competir nunha categoría nacional e de prestixio como é a terceira división.
No que se refire á plantilla, conseguimos manter unha base de xogadores da Estrada, moi compremetidos co proxecto, e que foron o xérmolo para comezar a pensar nun novo equipo de fútbol sala neste pobo.
A partir desta base, e unha vez confirmado o técnico que a directiva consideraba máis oportuno para dirixir este plantel no seu primeiro curso, completouse a plantilla con dúas fichaxes para garantir ser competitivos en terceira división.
Así pois, a día de hoxe temos unha plantilla de 11 xogadores, dos que 8 son da Estrada (Maricho, César, Botel, Rebo, Rafita, Fabián, Marquitos e Tossi), Kinso (de Vilagarcía, pero xa xogou na Estrada noutras campañas) e 2 xogadores, Tojo (de Santiago) e Moro (de Benavente, pero que estudia en Santiago). A plantilla complétase co corpo técnico composto por Juáncar(Baluarte do fútbol sala estradense durante case unha década), Laca (preparador físico estradense), Sandra (fisoterapeuta estradense) e Miriam (delegada do equipo e tamén estradense).

O primeiro gran reto, deportiva e institucionalmente falando, foi o Memorial Coto Ferreiro en Homenaxe a Alex Neira.
Este evento foi organizado con moi pouca marxe de tempo, e temos que agradecer a gran acollida dos equipos galegos de Primeira División á nosa chamada para participar nel. Sempre se amosaron moi receptivos e con afán de axudar a que toda saira ben (Azkar Lugo FS, Santiago Futsal e Burela FS).
Podemos dicir que foi un evento, dende o noso punto de vista, fantástico, con moito nivel futbolístico e cun ambiente espectacular nas bancadas. Feito do que nos sentimos especialmente orgullosos, non só polos amigos aos que se recordaba, senón pola repercusión que o fútbol sala ten en relación co nome da Estrada.
Falando de repercusión, non podemos esquecernos da afición que apoia ao equipo partido tras partido. Mención especial ao sector máis «radical», os Kinsi Bois, que acompañan ao equipo en todos os desprazamentos, cun comportamento exemplar e animando durante os 40 minutos de xogo. A resposta por parte do pobo da Estrada cara o fútbol sala cada sábado vai en aumento, facendo que cada vez o Coto Ferreiro viva mellor ambiente, e espertando a tradicional euforia estradense cara este deporte.
A campaña de socios aínda non está rematada, peros os datos que podemos aportar e que xa superamos os 300 socios e sendo a nosa inteción chegar á cifra dos 500.
Dende a directiva debemos destacar tamén a gran resposta do comercio e as industrias locais en relación aos patrocinios. A día de hoxe, podemos ver a publicidade estática do Coto Ferreiro practicamente cuberta, e estamos comezando a facilitar outras zonas para ubicar novos anuncios. Isto ven motivado polo gran apoio que estamosa recibir das empresas, que na medida das súas posibilidades, tendo en conta a situación económica, son capaces de colaborar para manter vivo este proxecto deportivo.

Nos últimos meses, estamos anunciando acordos como o convenio con ACOE, que nos permite publicar a nosa edición «6 en Xogo», con periocidade semanal, e facer partícipe ao comercio nos encontros como locais co sorteo de vales de compra, buscando enriquecer as alianzas entre asociacións no noso pobo ou o recentemente asinado coa clínica «Centro do Pe», que nos aporta vales de tratamentos para sortear en cada partido e nos facilita descontos para a plantilla e socios nas súas instalacións.
Continuaremos anunciando máis acordos con empresas e colectivos que se están ultimando e que tentaremos pechar antes de que remate este mes de decembro.
No aspecto deportivo, cremos estar facendo un moi bo papel, nunha categoría moi complicada e con rivais de gran nivel como o Leis Pontevedra, Troula, Carballiño, Burela,…
Xogamos xa 11 partidos, ocupamos a 6ª posición, con 19 puntos de 33 posibles e a tan só 4 puntos do 2º clasificado e a 6 puntos do líder; sendo ademais o equipo máis goleador da competición con 54 tantos a favor e, segundo as conversacións mantidas con representantes doutros clubs, o equipo máis difícil de batir como local. Consideramos que debemos seguir nesta liña, tendo moi presente que o obxectivo de manter a categoría está ao alcance da man, e, cos pés na terra, soñando con achegarnos aos postos de cabeza.
Todo esto que acabamos de dicir, é posible grazas a implicación e esforzo de moitos (membros da xunta directiva, xogadores, corpo técnico, empresas e comercios, aficionados,…). A todos eles, e en definitiva a todos os estradenses, queremos desexarlles un 2014 cheo de saúde e que os seus proxectos vitais non se vexan limitados pola desesperante situación laboral e económica que estamos a padecer.
GRAZAS
Redacción: A Estrada Futsal / Fotografía: Iria Eiras / Gravación: Adrián Eiras






































