Veciños afectados polas concentracións de Val de Vea súmanse á preocupación expresada polos veciños afectados polas concentracións de Arca e Codeseda
Solicitude por rexistro de convocatoria extraordinaria da comisión informativa de rural
Veciños do Val de Vea súmanse á preocupación que veciños de Arca e Codeseda trasladaron a pasada semana ao grupo municipal socialista en relación á falta de avances nos procesos de concentración parcelaria das súas terras.
“Despois de facer pública a preocupación dos veciños afectados pola falta de avances nos procesos de parcelaria de Arca e Codeseda foron varias as persoas afectadas polos procesos de parcelaria Val de Vea I e Val de Vea II que nos fixeron chegar similares inquietudes”.
Os socialistas lembraron que actualmente A Estrada conta con 4 procedementos de parcelaria sen rematar:
– Arca-Nigoi-Sector Arca: en fase de acordo, pendente de resolver recursos (40) dende maio de 2012. Iniciouse en 1980, afecta a 330 hectáreas e a 464 propietarios
– Codeseda: en fase de acordo, pendente de resolver recursos. Iniciouse en 1972, afecta a 1064 hectáreas e a 824 propietarios
En ámbalas dúas están sen realizar os camiños secundarios e sen acondicionar os accesos e as fincas, polo que os veciños non poden empregar as terras. Así mesmo, denuncian o lamentable estado dos viais principais.
– Val de Vea I: pendente de entregar os títulos. Iniciouse en 1993, afecta a 789 hectáreas e 1306 propietarios
– Val de Vea II: fase de acordo, pendente de resolver recursos. Iniciouse en 1997, afecta a 588 hectáreas e a 717 propietarios
Lembran os socialistas que en xaneiro de 2014 a corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción na que se pedía que a Xunta impulsase no prazo dun ano as concentracións de Arca e Codeseda. “No transcurso do Pleno o Alcalde López Campos amosaba a súa confianza en que unha vez resoltos os recursos en breve se poderían ocupar as parcelas e engadía que no primeiro semestre de 2014 se entregarían os títulos de Val de Vea I, indicando que se atopaban xa en posesión da Notaría. O certo é que transcurrido o prazo os veciños descoñecen canto máis van ter que agardar polas súas propiedades. Do único que non hai dúbidas é que tres anos parece tempo máis que suficiente para resolver os recursos e que un ano semella máis que suficiente para protocolizar a entrega dos títulos de propiedade aos veciños”
Solicitude por rexistro de convocatoria extraordinaria da comisión informativa de rural
Facendo valer o número de concelleiros electos, que obriga ao Alcalde, o grupo municipal socialista rexistrou a petición de convocatoria extraordinaria da comisión de Medio Rural:
SOLICITAN
A convocatoria en sesión extraordinaria da Comisión Informativa de Rural e Medio Ambiente, a efectos de que a Corporación Municipal poida realizar unha adecuada análise sobre a situación de execución dos procesos de concentración parcelaria que afectan ao Concello da Estrada, aprobe a solicitude de informes e consultas, e inicie as accións necesarias para que se dea impulso aos procesos de concentración parcelaria de Arca, Codeseda, Val de Vea I e Val de Vea II, permitindo rematar coa paralización administrativa das fases que permitan culminar estas parcelarias, que nalgún dos casos leva máis de 30 anos sen rematar. Así mesmo, estudar a solicitude de outros procesos de concentración parcelaria necesarios no territorio estradense
“É importante traballar para conseguir rematar as parcelarias, pois nestes momentos de dificultades económicas e laborais as terras representan oportunidades, non só de aproveitamento para os seus titulares, se non tamén oportunidades laborais centradas no acondicionamento, roturación, plantación ou preparación das fincas”, concluíu a portavoz socialista.
Redacción: PSdeG de A Estrada // Fotografía: Iria Eiras






































