Deuno a coñecer onte á tarde na Academia Galega de Seguridade Pública, nun acto no que estivo acompañado polo director xeral desta entidade e mais polo primeiro tenente de alcalde estradense
Trátase do primeiro manual para bombeiros avalado pola Xunta de Galicia que desenvolve os temas teóricos recollidos nas últimas bases das oposicións das cidades galegas que contan con servizos públicos de extinción de incendios
Saen do prelo da man de Andavira Edicións e do bombeiro Gerardo Fernández Costa
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, presentou onte á tarde «O bombeiro galego. Temario e cuestionarios» 1 e 2, o primeiro manual preparatorio das probas teóricas ás oposicións a bombeiro avalado pola Xunta de Galicia que sae do prelo da man de Andavira Editora e do bombeiro Gerardo Fernández Costa.
O secretario xeral expresou a súa satisfacción pola publicación en galego do primeiro manual de bombeiros de Galicia, pois «cómpre que a nosa lingua propia estea presente en todos aqueles ámbitos e actividades que se desenvolvan na sociedade galega do século XXI e, particularmente, que se asocie a proxectos pioneiros nun espazo tan importante coma o da Administración pública». García destacou que o manual incide nos coñecementos das persoas que se ocupan da seguridade cidadá, quizais os profesionais da Administración que teñen un contacto máis directo e estreito cos administrados. «A súa formación en galego é fundamental para garantirmos o dereito das persoas da nosa comunidade a seren entendidas e atendidas en galego».
Por outra banda, o secretario resaltou o papel do manual «O bombeiro galego. Temario e cuestionarios» na creación e difusión de léxico especializado de diferentes ámbitos que concorren na formación dos bombeiros. «O enriquecemento léxico da nosa lingua faina dinámica e apta para a sociedade actual e futura», sinalou.
García gabou «o traballo inxente» do autor, Gerardo Fernández Costa, que dedicou «case tres lustros do seu tempo á elaboración e redacción desta obra necesaria, útil e magnificamente traballada». Neste sentido, recoñeceu a importacia da implicación da cidadanía e da empresa privada -en referencia ao propio autor e á editorial que o publica- na promoción e no avance da lingua galega, ao tempo que comprometeu neles os esforzos do departamento de Política Lingüística.
No acto, que se celebrou na Academia Galega de Seguridade Pública, participaron tamén o director xeral desta entidade, Luis Menor; o primeiro tenente de alcalde estradense, Juan Constenla; o autor do manual, Gerardo Fernández; e unha representante de Andavira Editora, Lucila Ventoso.
Redacción: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Civil






































